O BNG lanza unha campaña que anima a galeguizar nomes e apelidos

La Voz REDACCIÓN

GALICIA

Membros do BNG e das xuventudes do partido, na presentación da campaña, este venres en Santiago.
Membros do BNG e das xuventudes do partido, na presentación da campaña, este venres en Santiago. Lavandeira jr | EFE

Os nacionalistas reclámanlle á Xunta que incentive o uso de formas galegas nos nenos ou que mellore os trámites para cambialos

05 dic 2025 . Actualizado a las 19:54 h.

O BNG presentou este venres unha campaña que pretende animar os cidadáns a galeguizar os seus nomes e apelidos. Baixo o lema «Pronúnciate! Con nome e apelidos en galego», o partido nacionalista pon o foco na «necesidade de recuperar a forma galega» como un paso máis para avanzar no proceso de normalización lingüística en todos os espazos sociais. Así o defendeu a responsable de Organización do Bloque, Lucía López, que sinalou que restituír a forma galega é un xeito de «reverter unha inxustiza histórica que marcou a identidade de miles de galegos» despois do proceso de castelanización de nomes imposto pola ditadura franquista.

No eido institucional, os nacionalistas esixiron que a Xunta «asuma as súas responsabilidades» perante a situación na que se atopa a lingua galega e reclamaron que se desenvolvan campañas públicas para incentivar o uso de nomes galegos nos nenos ou que se melloren os trámites para restaurar nomes e apelidos. En xaneiro deste ano, a Real Academia Galega (RAG) publicou, co apoio da Xunta, unha guía de apelidos galegos —tamén dispoñible en liña— que recolle máis de 6.000 nomes de familia e pretende guiar a quen decida restituír a forma orixinal do seu nome.

Pacto pola lingua

Durante o acto de presentación da campaña, a responsable de Lingua no Consello Nacional do BNG, Sol Agra, criticou que a Xunta anunciara un pacto pola lingua que definiu como unha «decepción» mentres o Goberno autonómico «segue prohibindo determinadas materias en galego» ou «prohibe a oficialización do galego na Unión Europea».