Última hora
Noelia muere tras casi dos años de batalla legal contra su eutanasia

O Consello das Linguas constitúese para impulsar os idiomas cooficiais do Estado

La Voz REDACCIÓN

GALICIA

Fotografía de familia trala constitución en San Sebastián do Consello das Linguas.
Fotografía de familia trala constitución en San Sebastián do Consello das Linguas. Javi Colmenero | EFE

As comunidades con lingua propia pasan a ser membros de pleno dereito desta entidade que quedou instaurada onte en San Sebastián

03 nov 2025 . Actualizado a las 20:37 h.

Co obxectivo de establecerse como un foro para impulsar e facer un seguimento das políticas lingüísticas nos territorios con idiomas cooficiais constituíuse onte en San Sebastián o Consello das Linguas Cooficiais. Na entidade, cuxa transformación promoveu o Goberno central para mellorar a coordinación da Administración Xeral do Estado en relación co uso destas linguas, estarán representadas a partir de agora as seis comunidades con lingua propia. Son Galicia, o País Vasco, Cataluña, Navarra, a Comunidade Valenciana e as Illas Baleares, e todas elas estiveron representadas onte en San Sebastián por cadanseu responsable de política lingüística.

No caso de Galicia, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, sinalou a importancia «da renovación e novo enfoque» deste órgano, ao tempo que incidiu na importancia de que «os programas de xestión do Estado atendan á realidade plurilingüe» e se impulse a lingua en diferentes sectores como a xustiza, onde García citou a implantación en galego do programa Atenea.

En San Sebastián, o secretario xeral tamén se referiu aos medios de comunicación públicos. «Vimos de ver como Televisión Española firmou un convenio coa Generalitat para a creación dun canal xeneralista en catalán e vemos significativo que este compromiso se extenda a todas as linguas oficiais», explicou García.

Tamén estivo presente no encontro o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, quen defendeu o «compromiso firme» do Executivo central e apelou á colaboración institucional como «ferramenta esencial» para fortalecer o uso das linguas cooficiais en todo o Estado.

Con todo, reivindicou o galego como «un motivo de unión e non de división» e sinalou que «as linguas deben servir para sumar, nunca para confrontar». Por último, reclamou á Xunta «máis implicación e ambición» nas políticas lingüísticas.