Unha plataforma web recolle as variedades dialectais do galego a través das respostas espontáneas de usuarios
GALICIA
Enmárcase dentro do Proxecto Nós, que pretende «garantir a presenza do galego en aplicacións, ferramentas tecnolóxicas e proxectos de Intelixencia Artificial e Tecnoloxías da Linguaxe»
21 jul 2025 . Actualizado a las 20:20 h.Grazas ás gravacións das respostas espontáneas dos seus usuarios, a plataforma web Common Voice conta cunha nova funcionalidade coa que comezou a incorporar as variedades dialectais do galego. Trátase dunha iniciativa do Proxecto Nós, na que participaron a Xunta e mais o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago co apoio de fondos europeos.
Common Voice é unha ferramenta gratuíta, dirixida ás comunidades dixitais, que ten o obxectivo de crear conxuntos de datos de fala e texto. Para isto, aliméntase da participación de persoas voluntarias en todo o mundo. Neste caso, a finalidade desta nova funcionalidade é recoller exemplos «dunha fala máis natural, diversa e representativa do uso real da lingua no día a día».
Para o proxecto, o Instituto Galego da Lingua colaborou na redacción dun conxunto de preguntas, aberto a achegas, para que os seus usuarios poidan gravar as súas respostas espontáneas. Isto permitirá, aínda que polo momento está en fase de proba, rexistrar «acentos diversos, variantes léxicas e morfolóxicas, cambios de código ou fenómenos propios da oralidade que acostuman a desaparecer ao ler». Ata o momento, as contribucións á plataforma consistían en gravacións de lectura en voz alta de textos.
O novo material recollido permitirá que, tanto investigadores como todos os galegos, dispoñan de datos de fala espontánea en lingua galega de forma gratuíta. O acceso á plataforma está á disposición dos usuarios a través da páxina web do Proxecto Nós. Mediante o mesmo, pódese contribuír con esta iniciativa que pretende «crear recursos orais e conversacionais en galego con todos os acentos e variedades dialectais que existen para facilitar a interacción a través de ferramentas como o navegador, asistentes de voz, ChatGPT e as que se desenvolvan no futuro». O seu fin último é «garantir a presenza do galego en aplicacións, ferramentas tecnolóxicas e proxectos de intelixencia artificial e tecnoloxías da linguaxe».