A Universidade de Vigo convoca o premio Xosé Luis Franco para os mellores traballos de investigación xurídica en galego

La Voz REDACCIÓN

GALICIA

Xosé Luis Franco Grande, xurista e escritor que dá nome ao certame, nunha imaxe de arquivo.
Xosé Luis Franco Grande, xurista e escritor que dá nome ao certame, nunha imaxe de arquivo. MARCOS MÍGUEZ

Poden presentarse ao certame estudantes de calquera grao ou mestrado que estivesen matriculados entre os cursos 2022-2023 e 2024-2025. O prazo remata o día 25 de abril e o premio ascende a 500 euros

08 abr 2025 . Actualizado a las 17:11 h.

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo abriu xa a convocatoria para presentar candidaturas ao Premio de Investigación Xurídica en Lingua Galega Xosé Luis Franco. O certame, que xa vai pola súa cuarta edición, busca fomentar o uso da lingua galega no eido xurídico, poñendo en valor os traballos de investigación realizados nesta área que estean elaborados en galego. 

Logo de que a Universidade ampliara o prazo, as persoas interesadas en participar no certame poden presentar os seus traballos ata o vindeiro 25 de abril. Deben ser orixinais e poderán tratar calquera tema do ámbito xurídico nas súas diferentes formas, sempre en lingua galega. O premio conta con dúas modalidades. Por unha banda, poden presentar candidaturas á modalidade A os estudantes matriculados en calquera grao ou mestrado en Galicia. Por outra, o alumnado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo pode candidatarse á modalidade B.

Sexa para unha modalidade ou para outra, á presente convocatoria poderán concorrer as persoas que estivesen matriculadas, en calquera universidade española, entre os cursos 2022-2023 e 2024-2025. A outra condición importante é que os traballos deben realizarse de xeito individual e só se acepta unha candidatura por persoa. 

Unha vez recibidas as propostas, o encargado de decidir os gañadores será un xurado integrado polo decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, o coordinador de Normalización Lingüística do centro e tres membros do persoal da facultade. A resolución chegará en maio, no acto que a universidade celebrará co gallo do día das letras galegas. E os premios estarán dotados cun dipoma acredidativo e cunha remuneración económica de 500 euros para cada modalidade. 

A Universidade de Vigo destaca a boa acollida que recibiu o certame na súa pasada edición. Presentáronse a ela unha vintena de traballos, entre os que saíron catro gañadores que trataban temas diversos, dende a liberdade postpenitenciaria ata a ocupación de inmobles, pasando pola ocupación de inmobles, a crise dos pellets ou os usos da intelixencia artificial no dereito español. 

Con este galardón, a universidade viguesa pretende tamén reivindicar a figura de Xosé Luis Franco Grande, avogado e tamén poeta, tradutor e lexicógrafo. Autor de máis dunha ducia de libros e dicionarios, recibiu o premio Nacional de Poesía Rosalía de Castro polo seu libro «Entre si e o non». Foi académico de número da RAG e exerceu, ata a súa morte no 2020, como colaborador de La Voz de Galicia.