A Consellería de Medio Ambiente convoca o posto de xerente de Augas de Galicia

La Voz

GALICIA

O actual xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira (de fronte, á dereita)
O actual xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira (de fronte, á dereita) Xunta

Trátase dun procedemento habitual, ao estar o actual xerente, Gonzalo Mosqueira, desempeñando o cargo en comisión de servizos

02 abr 2025 . Actualizado a las 16:33 h.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) deste mércores publicou unha resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático pola que se convoca un posto directivo en Augas de Galicia. O posto convocado é o de xerente desta entidade pública empresarial, cargo que actualmente e desde hai varios anos ocupa Gonzalo Mosqueira.

Para optar á xerencia requírese ser persoal funcionario ou laboral da Administración galega, ter titulación universitaria superior e contar co certificado de lingua Celga 4 ou equivalente. As solicitudes poderán presentarse desde este xoves e durante dez días hábiles.

Desde a Consellería que encabeza Ángeles Vázquez explican que se trata dun procedemento «habitual» e que segue a vía administrativa que corresponde cando a persoa que desempeña o posto directivo faino en comisión de servizos.

Detallan, ademais, que Gonzalo Mosqueira estaba desempeñando o cargo precisamente nunha comisión de servizos dado que a finais do ano pasado pasou de ser persoal laboral a ser funcionario, co que houbo un cambio na súa situación laboral.

Agora, e dentro do prazo de seis meses marcado pola lei, destacan, proceden a convocar o posto a través do DOG para abrir o procedemento de cobertura sen ser nunha comisión de servizos.

O actual xerente, Gonzalo Mosqueira, é enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos e licenciado en Dereito. Nunha etapa anterior foi tamén director de Augas de Galicia. Desde a Consellería non confirmaron se a súa intención é volverse a presentar.