Autoestradas ferroviarias: clave industrial para Galicia

Iago Domínguez XERENTE DO CLÚSTER DA FUNCIÓN LOXÍSTICA

GALICIA

Puesta en funcionamiento en el Puerto de València de la autopista marítimo-ferroviaria Valencia-Madrid, en una imagen del mes de julio
Puesta en funcionamiento en el Puerto de València de la autopista marítimo-ferroviaria Valencia-Madrid, en una imagen del mes de julio Ana Escobar | EFE

12 sep 2024 . Actualizado a las 12:07 h.

O funcionamento dunha autoestrada ferroviaria pode semellar unha operación doada, pero está lonxe de selo. O concepto si é sinxelo: unha cabeza tractora leva un semirremolque a unha terminal ferroviaria e cárgase nun tren. No punto de destino, outra tractora leva o remolque ao destinatario.

Non obstante, hai moitos factores que impactan: en función do método de carga empregado pode necesitarse un reforzo específico nos tráilers; os trens están moi condicionados pola infraestrutura posto que estes vagóns co remolque enriba teñen unha altura superior aos convencionais; ademais, require dunha forte planificación e frecuencias axeitadas para efectuar as operacións de carga e descarga sen grandes tempos de espera que restan competitividade ás empresas.

Nun contexto onde o transporte é cada vez máis multimodal, cada vez máis as mercadorías necesitan transitar por distintos medios ao longo do seu percorrido, maximizando a eficiencia en cada etapa e unha autoestrada ferroviaria facilita enormemente a coordinación entre estes modos de transporte ademais de que permiten ao camioneiro/a pasar a noite na súa casa.

Por outra banda, temos que ter presente que Galicia, sexta comunidade exportadora de España, conta coa maior rede portuaria do país preto das principais rutas marítimas atlánticas. Para os nosos portos, o ferrocarril tamén é un elemento clave que se debe fortalecer. Por iso, este modo de transporte non só complementa o marítimo e o terrestre, senón que ben planificado pode converterse nun motor de crecemento industrial.

Se ben o camión seguirá sendo dominante no transporte terrestre, a expansión do ferrocarril como peza desa intermodalidade é imprescindible. As empresas galegas necesítano e queren implicarse e quen o negue descoñece a realidade. Temos exemplos recentes en Galicia: coa mellora dos servizos, logramos un crecemento exponencial nos pasaxeiros por tren con Madrid; agora debemos replicar ese éxito no transporte de mercadorías.

Todo cun enfoque de complementariedade entre estrada e ferrocarril. Falamos de que parte dos máis de 10.000 camións que cruzan cada día a fronteira galega o fagan sobre trens, reducindo emisións, desconxestionando estradas e paliando a escaseza de condutores e mellorando a súa calidade de vida. Porén, os tempos son longos e debemos comezar xa coa adaptación das infraestruturas ferroviarias, que require planificación e investimentos.

Desde o Clúster, co apoio da Xunta, estamos desenvolvendo un estudo para coordinar as empresas e facilitarlles o superar as barreiras que impiden o despegue do transporte ferroviario para, a longo prazo, subir os camións ao tren. Pero se queremos autoestradas ferroviarias nun futuro o traballo de adaptación das infraestruturas ten que empezar xa. Porque as autoestradas ferroviarias son peza esencial do futuro loxístico e industrial de Galicia.