Son nenos e nenas

Carlos Rosón DIRECTOR DE IGAXES

GALICIA

No disponible | EFE

18 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras ler a información e o número dos migrantes que chegarán dende Canarias a Galicia, hai que pensar se hai algo de discursos de odio no tratamento deses números e desas palabras. Sobre todo cando hai un ano acolliamos a 2.800 refuxiados ucraínos. Poderiamos indagar sobre ambos os dous tipos de acollementos e analizar as diferenzas que terán ou tiveron uns e outros nos colexios, nos centros ou na rúa.

Nunha terra de emigrantes como a nosa, parece impensable non defender a acollida de todas as persoas que loitan para construír unha vida digna. Todas esas galegas e galegos que fuxiron da pobreza. Dito isto, a acollida, para ser acollida, debe ser planificada a curto, medio e longo prazo.

Sempre hai que pensar na construción dunha integración efectiva, responsable e que teña en conta as necesidades concretas de aprendizaxe da lingua, adaptación, recursos residenciais —o tema da vivenda dá para outro artigo de opinión—... Debemos mudar a negativa frontal contra o acollemento e transformala na esixencia dos recursos necesarios para lograr a plena integración.

Teriamos que garantir traxectorias vitais dignas e de paso traballar na creación dunha sociedade máis sostible e máis xusta. Claramente Galicia necesita relevo xeracional, atallar o despoboamento, especialmente no medio rural, profesionais de determinadas áreas nas que cada vez é máis complicado atopar persoal preparado…

A experiencia no traballo con mozas e mozos migrantes en Galicia dinos que son persoas resilientes, traballadoras e cunha grande capacidade de adaptación, pero precisan, como non, apoio, recursos, formación e oportunidades. É un traballo de toda a sociedade a que facilita a integración sen crear guetos nin exclusións.

Lamentablemente, o debate sobre a migración está infestado de ruído e críticas infundadas que esquecen que detrás de cada cifra ou estatística hai historias, vidas, esperanzas e moitas loitas individuais. Non podemos permitir que os discursos de odio, tan sibilinos, empanen a oportunidade de crear unha sociedade máis xusta e mellor para todos.

Nas últimas semanas, outra vez, non deixamos de escoitar falar de menas (menores estranxeiros non acompañados), o que teriamos que escoitar é que son nenos e nenas. Iso é o principal. Parece que denominalos coma o que son, nenas e nenos, é demasiado complicado e asociado inmediatamente a outra cor. Esta terminoloxía, menas, esconde a deshumanización que ofrecemos a quen foxe de conflitos e pobreza descoñecida para nós.

Tras anos traballando con nenas e nenos de todas as cores, nenas e nenos do sistema de protección de menores galego, na maioría dos casos sen acompañar, entendemos que todas e todos teñen dereitos, soños, esperanzas e deberían ter futuro. Cada unha das persoas que formamos parte da sociedade deberiamos ser garantes de que non exista unha soa nena ou neno ou persoa moza que non vexa os seus dereitos blindados.