Luis Ramos, novo director da Casa de Galicia en Madrid: «A misión da Casa de Galicia non vai cambiar, pero a forma de presentala á sociedade si»
GALICIA
O xornalista di que cambia de traballo, pero non tanto: «O labor tamén é informativo, hai que contar aquí en Madrid todo o que somos e facemos os galegos, difundir a nosa cultura e a nosa lingua»
06 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Hai uns días que Luis Ramos (A Coruña, 1972) recibiu a chamada máis importante: a de presidir a Casa de Galicia en Madrid. Unha cidade á que chegou hai vinte anos para cubrir as eleccións europeas para os servizos informativos da Televisión de Galicia, e onde seguía.
—Foi unha sorpresa grata?
—Que che ofrezan poder representar a Galicia na capital de España é unha gran sorpresa e unha honra moi grande, tendo en conta que representas a Galicia e que es galego. Non o contaba para nada.
—Estará poñéndose ao día coa actividade da institución.
—Hai que aprender de todo o feito, pero ten que haber un cambio. Estamos traballando precisamente nun moi visual. Veño de onde veño, dos medios públicos da TVG, e ese cambio vaise notar no deseño das actividades.
—Cando se anunciou o seu nomeamento díxose que se pretendía «consolidar o papel da Casa de Galicia». Vai seguir na liña do traballado?
—Vai haber algún tipo de cambio na organización da programación, sobre todo. Eu veño dunha cultura televisiva, audiovisual. O contido será practicamente a difusión da lingua, da cultura, da economía, do turismo e de estreitar os lazos da galeguidade. A misión non vai cambiar, pero a forma de presentala ante a sociedade si. Podo adiantar que serán bloques temáticos moi visuais e que se pretenderá tocar outros sentidos. Vaise notar na programación, no seu aspecto e na imaxe da Casa de Galicia. O cerebro está maquinando, facendo contactos e buscando a fórmula para introducir cambios canto antes. Pero hai que ser realistas, é un edificio grande e hai tres salas que alimentar.
—Xa entrou de cheo na programación da institución, o xoves inauguraron unha exposición.
—É curioso, a primeira actividade que presento na Casa de Galicia é unha xa programada hai tempo que ten que ver coa historia da mecanización do agro galego. Hai 25 anos, o meu primeiro destino na TVG nos servizos informativos foi no programa Agro e Labranza. Pode ser que o sector primario sexa o meu talismán.
—O seu traballo xa estaba relacionado con Galicia. Como cambia a partir de agora o seu labor?
—Cambia o traballo, pero non tanto. En realidade, os últimos vinte anos aquí en Madrid estaba recollendo a actualidade da cidade, que podía ser de interese para Galicia, a través dos medios públicos da radio e da tele. Estaba contando todo iso aos galegos e as galegas. Agora a canle é distinta, é unha institución. A misión é tamén informativa, hai que contarlles ás institucións, aos empresarios e á xente de Madrid interesada en Galicia todo o que somos, o que facemos, a nosa cultura e a nosa lingua. É tamén unha misión de comunicación en sentido inverso, a través dunha canle nova para min.
—Hai interese doutros colectivos non galegos no traballo da Casa?
—Hai moi boa resposta dos cursos de galego, xente que vén á Casa preguntando por eles. Había un nivel de iniciación e imos ver se se pode ampliar. Hai moita chamada. Tamén temos unha oficina de turismo de Galicia dentro da casa, que recibe visitas de xente interesada en coñecer distintas partes da comunidade. Moito estranxeiro pasa por aquí. E ten unha misión proactiva: ademais de recibir visitas, fai expedicións para promocionar a nosa terra nese campo do turismo.
—Cales son os retos?
—Manter a representación galega no máis alto, que Galicia siga estando de moda e que sexa un nome relacionado coa modernidade, coa oportunidade de negocio, coa vangarda, co turismo e co bo xantar, por suposto. Coas novas formas de comunicación, pode chegar a ser un desafío.