Tamara Canosa: «Ser actriz era como ser astronauta»

GALICIA

Saltou á pequena pantalla como a nena Laura de Mareas Vivas e vinte anos despois pode presumir de que fixo da cultura o seu modo de vida, sexa dirixindo, escribindo, producindo ou actuando

23 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá Tamara Canosa (A Coruña, 1983) estreará no Salón Teatro de Santiago a obra Soños. Desta volta ela non estará sobre as táboas, senón atrás do pano, dirixindo esta peza que conta a vida nunha vivenda tutelada e que quere romper cos estigmas que pesan sobre as mozas e mozos que están no sistema de protección. «Non é só unha obra de teatro, é un proxecto da oenegué Igaxes para cambiar a mirada. Propuxéronme ser a directora antes incluso de que houbera texto, e interesoume todo!», conta apaixonada.

Non é a primeira vez que dirixe unha obra que fala á mocidade e sobre a mocidade. O ano pasado tivo en escena Amantis, que explora as relacións entre os nativos dixitais: «Interésame a xente nova. Todos recordamos a nosa adolescencia. É algo que nos golpea. E se non fas teatro para os rapaces, isto acábase. Pero na adolescencia a cultura desaparece, e só o marketing se interesa por eles. Ademais, son nai —ten un cativo de algo máis de 3 anos—, e ao ter un fillo pensas: ''Ei, non me podo descolgar disto!''», explica.

Tamara (abaixo á esquerda) con parte do equipo de Soños
Tamara (abaixo á esquerda) con parte do equipo de Soños

Ela mesma era adolescente cando entrou na casa dos galegos por primeira vez sendo a Laura da popular serie Mareas Vivas. «No cole metíame en todos os saraos, e xa no IES de Elviña tiñamos o grupo de teatro Sardiña, do que sairon moitos actores galegos. Viñeron facer unha proba e colléronme. Eu era unha nena de barrio chungo, unha friki, non precisamente a máis popular da clase, e de súpeto entras na tele, ganas cartos, fas o que che gusta... Foi unha experiencia marabillosa para empezar», recorda.

Tamara xa tiña o becho da actuación, pero non pensaba que puidese converterse na súa profesión: «Para min era como ser astronauta. Non me cría actriz. E tardei en crelo. Estudei Dereito porque, como ía vivir disto? Foi unha loita de anos darme conta de que podía e tiña dereito a traballar e vivir da cultura». Iso si, polo camiño fixo moitas outras cousas: «Teleoperadora, vendín seguros, camareira... Traballei de todo dende os 16, e iso deume ferramentas de supervivencia, supoño que de aí veñen os meus recursos creativos», reflexiona.

Agora, rozando os 40, ten ás costas máis de dúas décadas actuando en teatro, televisión e cine, como protagonista e como actriz de reparto. Nalgunha película coincidiu con outro ex de Mareas Vivas, Luis Tosar. Sucedeu, por exemplo, en Maixabel, onde interpreta a mediadora que propicia o encontro entre a viúva (Blanca Portillo) e o etarra preso (Tosar). «Ver o Kursaal en pé foi emocionante. E eu igual teño menos tablas, pero Luis ten máis experiencia e tamén lle tremían as pernas». No filme traballou ás ordes de Icíar Bollaín, unha das moitas persoas que cita ao preguntarlle polos profesionais cos que máis lle gustou traballar: «É impresionante ver unha tía con tanto poder», resume. Pero o seu gran referente vital é a súa irmá Yaiza, fundadora y CEO da plataforma loxística GOI: «Somos cinco irmáns, e todos somos os irmáns de Yaiza. Con 9 anos xa era a ama, ten un carisma e unha seguridade...».

Ademais da actuación, tocou case todos os paus do proceso creativo: guión, produción... A dirección é o que máis goza agora mesmo: «Sufro menos, desfruto máis, síntome máis no meu lugar», conta, revelando que anda sempre nunha chea de proxectos e que está a rodar un documental, posproducindo unha curta, preparando cousas para o teatro: «Na cultura tes que estar sempre facendo cousas, aínda que sexan pequeniñas, para ir sumando soldos», revela.

No seu haber ten tamén un libro de poemas e microrrelatos, El escondite de las palabras. «Entenréceme atoparme con esa Tamara de hai vinte anos. Sempre fun un cu inquieto», chancea. E advirte: «Agora non escribo por falta de tempo, pero volverei».

Tamara co director e os actores do filme Pradolongo, do que foi unha das protagonistas
Tamara co director e os actores do filme Pradolongo, do que foi unha das protagonistas ROI FERNANDEZ

Fun

Laura en Mareas Vivas

Son

Actriz, directora, produtora, guionista... e o que me boten