Mestra xubilada e voluntaria do teléfono da esperanza dende hai 16 anos, recibiu do rei a medalla ao Mérito Civil
24 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A Carmen Martínez (Chapa, Silleda, 1951) non lle gusta presumir. A discreción é a súa divisa, pero a medalla que lle concedeu o rei hai dous meses sacouna do anonimato. Xubilada, segue a atender as chamadas de aqueles que buscan no Teléfono da Esperanza unha miga de luz.
-Onde ten a medalla?
-Nun caixón.
-Ou sexa, que non a ten exposta.
-Non. Pódese ver, pero hai que abrir o caixón, ha, ha.
-E o rei, que tal?
-Moi próximo e moi humano. A min paréceme unha persoa excelente. De sempre, eh? Non só dende aquel día da medalla.
-Que lle dixo?
-A verdade é que coas máscaras postas é difícil escoitar o que che din. O que nos dixo a todos, en xeral, foi agradecernos a solidariedade e a xenerosidade en nós, pero non só para nós, senón para todas as persoas que teñen en conta o ben da sociedade, moitas veces antepoñendo aos intereses persoais.
-Vostede leva 16 anos como voluntaria do Teléfono da Esperanza. Como accedeu ao servizo?
-Eu dende sempre colaborei nas parroquias. E unha persoa coñeceu a outros membros do servizo e propúxose facer un curso en Santiago e invitáronme. Participei e creouse a sede en Santiago e pedíronme que participara. Non foi fácil ao principio porque pedíannos cinco horas continuadas e eu non podía.
-Cal é a súa profesión?
-Xa estou xubilada. Era mestra.
-Estar nese lado do teléfono ten que ser unha experiencia dura.
-Ás veces é o último recurso. Poucas veces, afortunadamente. Refírome a persoas que chaman con ideas suicidas. Pense que as estatísticas din que hai máis mortes por suicidio que por accidente de tráfico.
-Eses son os casos extremos, pero dá a impresión de que o que escoita son sempre historias tristes, de desesperanza.
-Bastantes, si. Non sempre. Hai xente soa que chama só para que a escoites e pasar un ratiño. Son as menos, claro.
-Cando vai á casa, leva os problemas ou déixaos na oficina?
-Ás veces é difícil deixalos alí. Ou imposible. Sobre todo ao principio, pero logo, como os problemas se multiplican, parece que o vas vendo como algo máis habitual, aínda que non o sexa. Temos que sobrepoñernos, senón claudicamos.
-Tamén haberá moitas satisfaccións. Non todos podemos dicir que volvemos á casa despois de axudar a alguén.
-Si. Sentímonos útiles. Ás veces dinche ao final da conversa que se senten mellor e iso fai, non que te sintas ben, porque moitos problemas seguen aí, pero ao menos, como alguén dixo, se na túa vida puideches axudar a alguén, aínda que fora só a un, xa valeu a pena.
-Pois vostede, en 16 anos, axudaría a moitos.
-Falei con bastantes, si.
-Tivo a oportunidade de coñecer a alguén co que falara antes neste teléfono?
-No. O labor do teléfono é anónimo e confidencial. Non podemos dar datos persoais nin, por suposto, conseguilos da persoa que chama. Coñecemos persoalmente porque, antes da pandemia, aos problemas máis serios podiamos ofrecerlles a profesionais, psicólogos ou avogados, que os atendían na sede. Pero eran casos moi puntuais.
-Que lle parece a vostede que provoca máis desesperanza: a falta de diñeiro, de saúde ou de amor?
-Hai casos para todo, pero eu penso que a falta de saúde é a máis dramática.
-E diría que a xente está moi soa, aínda que estea rodeada de xente?
-Si, iso pasa moito, xente que se sente soa e está rodeada de xente. Hai bastante soidade. E tamén real: dependentes, que non poden ter vida social ou que non teñen familia. Hai problemas de soidade moi importantes.
-Moitas veces escoitará historias repetidas.
-Nunca é a mesma, porque as persoas son distintas.
-¿Dálles algún consello?
-Non damos consellos. Se nos parece que a solución vai por algún determinado camiño, temos que axudarlle a que camiñe cara a alí. Que sinta que o fai el, aínda que sexa con axuda.
-Nunca pensou en abandonar?
-Non. Ás veces pode ser algo cansado, pero xamais pensei en deixalo.
-Imos coas preguntas complicadas. Celta ou Dépor?
-Ha, ha. Non entendo nada de fútbol. Dáme exactamente o mesmo.
-Como diría que é vostede en catro palabras?
-Son perfeccionista, lenta, responsable e solidaria. Tenme sentido axudar.
-Que fai cando ten tempo?
-Gustaríame ter tempo para non facer nada; quixera poder perder o tempo. Que non sería perdelo, senón meditar, gozar da natureza, do mar...
-Pero se está xubilada!
-A casa leva tempo, porque non me gusta a desorde. Colaboro nas parroquias, vou a aldea os fins de semana, fago de canguro para a filla do meu sobriño...
-Xa vexo. Que tal na cociña?
-Non me desgusta pero, como nunca tiven tempo para cociñar, fáltame a experiencia. Sempre comín fóra da casa; dende os 12 anos que saín da casa.
-Dígame unha canción.
-[Pensa moito] La playa estaba desierta (María Isabel, de Los Payos) é a última que recordo porque lla cantei á filla do meu sobriño.
-Que é o máis importante na vida?
-Sentirte valorada, querida e apoiada.