Unha palabra define os orzamentos da Xunta para 2020: resignación. Resignación ante a desaceleración da economía, porque un orzamento que medra o mesmo que o PIB nominal supón renunciar a desenvolver unha política fiscal expansiva para impulsar o crecemento para conxurar o perigo da volta á recesión.
Resignación ante a crise industrial que azouta o noso país, porque a Xunta non inclúe nin unha soa medida para actuar contra a ameaza real de desertización industrial de Galicia, en especial dalgunhas comarcas.
Resignación ante o deterioro na calidade dos servizos públicos, nas prestacións sociais e na modernización da economía, os sectores produtivos e as infraestruturas despois de dez anos de austeridade, que tampouco en 2020 se van empezar a recuperar.
Fronte á propaganda, a realidade: descontada a inflación, o orzamento real está 2.000 millóns de euros por debaixo de cando empezaron os recortes. Non é certo que o gasto social vaia ser o máis alto da historia: reduciuse en 1.100 millóns, en termos reais, e máis do 80 % foron recortes en sanidade, educación e emprego.
Resignación que ten a súa orixe no fundamentalismo neoliberal: a obsesión por reducir o peso do público na economía. En 2009, o gasto non financeiro equivalía ao 18,4 % do PIB; en 2020, a penas chegará ao 15 %. Son 2.400 millóns menos, cifra que cuantifica o brutal axuste no gasto durante a presidencia de Feijoo.
Porque non é un problema de falta de ingresos, senón de ideoloxía, como o vén a demostrar o anuncio de que unha persoa que reciba unha herdanza de 2 millóns de euros (en dous procesos, en gananciais) vai pagar o mesmo que unha que reciba 20.000 euros. Para o PP sempre hai marxe para os regalos fiscais aos máis ricos, aínda que o pague a maioría social con recortes e débeda.
Fronte á resignación, á falta de ideas, á ausencia de medidas para enfrontarse á desaceleración, a sociedade galega precisa un orzamento diferente que dea resposta ás súas preocupacións: emprego, precariedade, crise industrial e servizos públicos.