«Aínda teño soños por cumprir»

«Penso cruzar á outra beira coa variña na man», advirte o Mago Antón sobre os seus plans de xubilación. Tras corenta anos como profesional, inicia un novo e ilusionante proxecto


Foi en 1979 cando o Mago Antón decidiu dar o salto e dedicarse de xeito profesional ao ilusionismo. Co seu boneco Facundo levaba xa tempo percorrendo o país, unha Galicia que naqueles anos da Transición foi protagonista dos seus números. «Fixen aparecer o galego», lembra Antón sobre como incorporou a cultura e as súas circunstancias aos espectáculos.

Son corenta anos dunha carreira profesional que o mago non dá por pechada, nin quere. «Aínda teño soños por cumprir», anticipa. E non será porque estas catro décadas non fosen intensas. Antón fíxoo practicamente todo na maxia. Grandes espectáculos, como Merlín e familia, no que daba de beber a toda unha festa por unha xerra de viño que non se esgotaba. Ou a escintilante montaxe de Vía Láctea. Ou os milleiros de persoas que pasaron polo seu Magomóbil -o último espectáculo chámase A volta a Galicia en 313 concellos- para ficar engaioladas coa súa maxia de preto. Maxia tamén para empresas. Ou mesmo idear e patentar números que logo vendeu a outros colegas. Ata estivo a piques de morrer dúas veces, unha vez cando non deu saído do acuario e outra cando os vidros romperon nada máis mergullarse. «Ese día non tocaba. Este universo máxico no que andamos decidiu que a vida continuase e que tiña outros proxectos por vivir», lembra.

Entre eses proxectos de futuro acaba de presentar o próximo, A maxia existe, un espectáculo conxunto coa orquestra La Fórmula. Falando del, Antón contaxia o mesmo entusiasmo que abraio inspira no seu público. «Temos por diante cinco ou seis meses de ensaios. Somos unhas trinta persoas, entre músicos e técnicos. Imos levar a maxia ao corazón das festas», anuncia.

Antón sabe precisamente o necesario que é rodearse de bos profesionais nos respectivos eidos que teñen que ver coa maxia. «Necesitas un bo guión, boa música, por exemplo», enumera. Unha colaboración que gaña aínda máis valor polas veces que o ilusionista tivo que «levitar, aparecer, desaparecer, pero tamén varrer, fregar». «Ao público encántalle ver como transformas un billete de cinco euros noutro de cincuenta, pero o que non sabe é que se non tes os cincuenta euros o número non se pode facer», confía.

Nese sentido, Antón non perde o contacto coa profesión -«Hai que estar ao día do que se fai en todo o mundo»- e, sobre todo, coas novas tecnoloxías: no seu día ten feito algúns CD-ROM e foi dos primeiros en abrir unha web de seu. «Pero máis importante aínda é non perder a capacidade de ilusionarse, de ser capaz de seguir sorprendéndote», claves para seguir en activo. Porque Antón, aos seus 63 anos, non pensa en xubilarse. «Sei que non me retirarei nunca. Penso cruzar á outra beira coa variña na man».

Fun

Mago profesional de todas as disciplinas durante xa corenta anos

Son

Un ilusionista en activo cun novo proxecto, A maxia existe, con La Fórmula

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«Aínda teño soños por cumprir»