Abe Rábade: «O máis importante é o risco»

GALICIA

EDGARDO CAROSIÁ

O músico galego di que o jazz é coma o pote das avoas: nel caben ingredientes moi diversos

16 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Abe Rábade (Santiago, 1977) é un espectáculo sempre. No acolledor xardín do hotel Costa Vella mergúllase na conversa con entusiasmo e move as mans por todo o espazo envolvendo o seu discurso ou, case, tocándoo coma se fose unha peza nova. Abe Rábade: intenso e imprescindible.

-Seus pais son escritores, súa irmá tamén... O seu destino estaba escrito.

-Si, ha, ha. Eu digo que son a ovella negra da familia, porque son o músico. É certo que moitas cousas que suceden hoxe, ou intereses por outras artes, están relacionadas con vivencias da infancia.

-Comezou de moi pequeno.

-Lembro un festival de canción infantil que se chamaba Cantareliña. Eu participaba coa miña irmá. Cantábase en galego e gravábase un disco. Teño o recordo de entrar no estudio e mirar para arriba cos cascos e o micrófono. É unha imaxe vívida que conservo, é moi importante.

-Lembranza iniciática.

-Si, cóntolle outra. Coa miña irmá e un primo cantando no San Froilán e os tres, nunha especie de sincronía de curmáns, equivocámonos coa letra. Fomos xuntos e xuntos fomos zafando. Cando tocas jazz iso está á orde do día. O máis importante é o risco, sentir cando tocas que non estás aburguesado, que non te dás por satisfeito coas cousas que sabes que van funcionar.

-Iso serve para todo.

-Si, pero no jazz, se non fas iso, non funciona.

-Só pensando así se pode mesturar o jazz coa saia da Carolina.

-Claro, ha, ha. Eu son moi fan desas cousas que provocan a algúns un pouco de estupor. O jazz é coma aqueles potes de caldo das avoas.

-Vostede licenciouse «cum laude» na mellor escola de jazz dos Estados Unidos.

-Alí diciamos: «E despois de Berklee, que?». O título non che fai músico. É unha carreira diaria.

-Talento ou perseveranza?

-Un non pode vivir sen o outro. Eu xa vin fracasar a xente con demasiado talento.