Un museo de inquietudes

María Xosé Fernández Cerviño PATROA DO MUSEO DO POBO GALEGO

GALICIA

25 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1884 dona Emilia Pardo Bazán, sempre atenta ás últimas tendencias da cultura europea, preconizaba a necesidade de recoller «esas tradicións que se perden, eses costumes que se esquecen e eses vestixios de remotas idades que corren perigo de desaparecer para sempre [...] non co fin de poñer outra vez en uso o que caeu en desuso [...], [senón coa intención de] conservar a súa memoria e formar con eles, por dicilo así, un museo universal». A iniciativa retornou unha e outra vez, ata que o Seminario de Estudos Galegos crea en 1930 un museo etnográfico que a Guerra Civil veu truncar.

A comezos do ano 1976 conflúen as ansias democráticas dunha xeración nova que, desde o ámbito universitario e profesional, mantivera aceso o facho nas postremeiras da ditadura e as esperanzas inquebrantables dalgúns membros aínda activos do galeguismo republicano. A conxuntura era, decididamente, propicia, e o padroado constituído para crear un museo do pobo galego tivo a sorte de contar co beneplácito do alcalde de Compostela, Antonio Castro, e do ministro de Cultura, Pío Cabanillas. A sintonía dos fundadores coas autoridades dun réxime en vías de extinción fixo posible a cesión do antigo convento dominico de Bonaval e a achega dos recursos para iniciar a súa rehabilitación. Non faltaba máis que botar a andar o museo.

Don Xaquín Lorenzo e don Antonio Fraguas, primeiros presidente e director, respectivamente, caracterizárono como un museo de inquietudes. A clave do proxecto cifrábase na necesidade de rexistrar, conservar e expoñer os trazos dunha sociedade en transformación, para ben e para mal, e no desafío de afianzar a identidade da Galicia nova. Eran moitas as expectativas e, pouco a pouco, fóronse tornando realidades tanxibles. Ao compás da rehabilitación do conxunto de Bonaval sucedíanse as salas temáticas, os servizos socioculturais e os espazos abertos a outras entidades e colectivos. Ao tempo, íase formando o equipo profesional que constitúe a noz, pequena pero densa, do traballo cotián.

O camiño non estivo exento de dificultades, pero sempre contou co recoñecemento das institucións e da comunidade. No 2007 a corporación municipal compostelá concedeulle ao Museo do Pobo Galego a Medalla de Ouro ao Mérito cultural. Ao ano seguinte, o Premio Nacional da Cultura Galega recoñecía tres décadas de labor no ámbito da cultura popular e de base.

O Premio Fernández Latorre vén ratificar que o Museo do Pobo Galego mantén a súa razón de ser, unha realidade moi gratificante para o amplo colectivo humano que o sustenta e, singularmente, para as persoas que permanecemos desde aquel afastado 1976. Despois de corenta e dous anos, e en transo de renovación e ampliación, xa non ten aquela urxencia por recoller os trazos materiais e intanxibles da cultura tradicional, senón a de integralos no presente para que sirvan á misión de nutrir a esencia de Galicia. Quere ser un museo de identidades, porque a identidade non é única nun pobo que pasou de emigrar a acoller migrantes; un país de galegas e galegos de toda condición e con capacidades diversas.

O Museo do Pobo Galego simboliza a nosa historia e é unha referencia de cara ao futuro. Nese propósito converxen os afáns das Administracións, das institucións da cultura e da sociedade á que, en definitiva, se debe.