Celso Dourado: «Sen mans podo ser un bo pintor»

GALICIA

Pinto&Chinto

O artista lucense, que perdeu as mans sendo neno, traballa nunha serie de cadros arredor da cor branca

23 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

É fácil atopar a Celso Dourado: ao pé da praia das Pasadas, na costa de Barreiros. Aí ten a súa casa, o seu estudio e a súa sala de exposición. O seu lugar de vida; chámase Eido Dourado e ata hai ben pouco facía tamén de centro cultural nos solpores de verán, aproveitando un amplo xardín zen para concertos, recitais e presentacións. Un luxo.

Celso Dourado (Benquerencia, Barreiros, 1960) é un recoñecido pintor lucense. Neste momento está traballando nunha serie de cadros arredor da cor branca, esa única temática co branco como eixe central, xogando cos relevos, con esa nebulosa coma a néboa que bota moitas tardes o mar. «O cadro vese e á vez non se ve -di-, un minimalismo figurativo». O del son as cores: píntaas en series, esperta con elas sensacións fortes. Especiais. Diante dalgunha das súas obras sempre se aprecia algo diferente. Celso Dourado non ten mans.

«Nacín nun lugar con mar, aquí preto, en Benquerencia. A miña era unha familia humilde, labrega; un día, sendo aínda un neno, con 8 anos -lembra-, baixei xogar a un prado e, á vez, miraba das vacas. Atopei un artefacto, unha bengala dun barco, que me estourou nas mans. Estiven entre a vida e a morte, foi unha etapa moi difícil, pero saín adiante. Iso si, pasei de ser un neno normal a ser outro diferente». As pausas e o peso das palabras cando o conta fan revivir a crueza daquel episodio.

-Un neno diferente.

-Si. Meus pais mandáronme a Madrid; alá había un colexio do Opus dirixido por mutilados da Guerra Civil (obviamente do bando nacional), onde ían facer de min un neno útil. Un home. E si, alí tiña que me valer por min mesmo, e así fun superando as dificultades día a día: agarreime á vida cunha forza moi grande.

-E como foi o de ser pintor sen mans?

-Xa de neno tiña certas habilidades para o debuxo. E seguín manexándome, aínda así. Tamén hei dicir que foi moi importante para min coñecer ao escultor e mestre Juan Puchades. El guioume: díxome que tiña que ser pintor e estudei Arte. As palabras e o apoio de Puchades foron para min un revulsivo. Eu era bo, estar sen mans non me ía impedir ser pintor. Pensar iso, decidirme, foi algo grandioso. Coma adrenalina. E ata hoxe. Pinto cos tocos, cos brazos; iso é moi difícil, precísase adestramento e é duro…

-As mans precisamente teñen un protagonismo especial en moitos dos cadros.

-Sempre se lle dá valor ao que non se ten e eu, talvez por esa carencia, doulles un valor especial. As mans son o meu referente sempre. Teño superado iso, pero sigo utilizándoas como expresión nos cadros. Alguén me definiu unha vez como o pintor das mans, e gustoume; a verdade é que si.

-E vívese da pintura?

-Nunca o formulei así. Vivo para a pintura. Gústame explorar outros eidos, todos arredor da cultura, e atender á vida familiar. O finado Suso Peña, tamén pintor e debuxante, dicía que el pintaba o que quería e despois tamén estaban os cadros dos garavanzos, aqueles que sabía que se ían vender. Eu pinto o que quero.

-Levantou a súa casa, o seu espazo, vostede mesmo; non se pode dicir coas propias mans, ou si, e un dáse conta no momento da grandeza dese empeño, da vontade e fortaleza que se necesitan.

-Foi un proxecto persoal aquí na praia das Pasadas. Demostrei que tamén valía para traballar: construín a casa, a sala de exposicións e o xardín pedra a pedra. Fun mercando terreos e comecei o proxecto alá polo ano 85. Levoume vinte e tantos anos, pero teño unha casa para vivir, un estudio para crear e unha sala para expoñer. Como os recursos económicos eran limitados empecei coas pedras, con postes vellos do tendido eléctrico e a madeira inutilizada da liña do tren. Cando foi o apoxeo do urbanismo aquí en Barreiros trazaron unha estrada e case teño que derrubar parte do muro e da propiedade; grazas a un xuíz que o impediu puidemos salvala. Finalmente aquí vivo con Teresa e os fillos, coa familia: aquí pinto e aquí expoño.

Celso Dourado en una exposición en Ribadeo
Celso Dourado en una exposición en Ribadeo JOSÉ ALONSO

O Museo Provincial da Deputación de Lugo dedicoulle tempo atrás unha retrospectiva a Celso Dourado, quen tamén mostrou a súa obra en Edimburgo ou mesmo en Alemaña, entre outras moitas exposicións. Agora ten en marcha outro proxecto de envergadura: abrir un centro multicultural no casco vello de Ribadeo con sala de mostras, café, xardín e museo propio.

«Son dúas casas que, coa reconstrución, quedarán unidas. Estamos coas reformas, e non ten data de finalización polo momento porque no casco vello de Ribadeo as rehabilitacións teñen que seguir unhas pautas. Aí penso reunir toda a miña obra», explica.

Todo isto amais de atender un cámping xunto coa súa dona ao pé da praia das Pasadas en Barreiros, moi pretiño das Catedrais: A Gaivota, que tamén coida. A vida, a súa obra, case que son o mesmo. Sen mans, si, por se alguén dubidaba.