QUE FAI AGORA... Guillerme Vázquez: «Son autocaravanista dende hai anos»

Logo de dúas décadas ocupando cargos de representación política e dunha volta ás aulas como profesor, o que fora líder nacionalista goza agora da xubilación entre hortas, animais e viaxes pendentes

Vázquez fotografado na cidade de Pontevedra, onde reside
Vázquez fotografado na cidade de Pontevedra, onde reside

Guillerme Vázquez (Pontevedra, 1952) responde ao teléfono cunha voz grave e inconfundible que ao longo de vinte anos soou en plenos municipais, sesións do Parlamento galego, plenos do Congreso dos Deputados e roldas de prensa dun BNG do que asumiu o liderado nun delicado momento tras da caída do goberno bipartito. A súa renuncia á portavocía da formación nacionalista en marzo do 2013 supuxo a súa retirada da primeira liña política e un cambio radical de vida. «Dende o punto de vista da comodidade persoal fun a mellor, sen dúbida. Xa sei que se di que os políticos non fan nada, pero cando traballas por convicción sacrificas días libres, á familia... No Congreso había veces que entraba sendo noite e saía sendo noite. Agora vivo máis cómodo, menos estresado», di, remarcando a afirmación cunha risa.

O paso atrás político supuxo para Vázquez volver ás aulas con 60 anos, ao retomar o cargo de profesor nun instituto pontevedrés que abandonara dúas décadas antes. «Non foi especialmente doado, supúxome certo esforzo poñerme ao día, pero ao final un vólvese atopar co alumnado que vén sendo parecido ao que deixou», resume. Preguntado por se é máis difícil lidar con rapaces ou con deputados, limítase a dicir que os rapaces «son doados».

Atrás quedaron tamén eses tempos como profesor, porque o pontevedrés está xa «felizmente xubilado». A xardinería e o coidado da horta son dúas afeccións ás que agora pode dedicar tempo -«estou apañando unhas xudiíñas que dá gloria velas», di orgulloso-. Tamén goza da compañía dos seus cans e gatos e mesmo da sensación nova para el de «poder pasmar». Outro dos grandes praceres que puido retomar nos últimos anos é o de viaxar. «As viaxes que non puiden facer no seu momento estounas podendo facer agora», explica. A última levouno a percorrer Dinamarca, Suecia e Noruega, e xa prepara unha visita a Grecia e Hungría, a poder ser ao volante da súa autocaravana: «son autocaravanista dende hai anos, gústame moverme polo mundo adiante».

Con todo, garda tempo para manter o seu compromiso político. Forma parte do Consello Nacional do BNG e mesmo pechou simbolicamente a lista pontevedresa do Bloque nas últimas eleccións xerais. Pero se se lle pregunta se estaría disposto a seguir os pasos de Beiras ou Bugallo e volver á primeira liña dálle a risa. «Non, non, non, é o que me faltaba, que va, que va» repite como quen quere afastar un meigallo. Guillerme Vázquez ten agora outras prioridades, como gozar das dúas netas que ten nas Canarias. «Como en Galiza case todo o mundo emigra o meu fillo tamén o fixo, e iso dificulta un pouco as cousas, pero cada vez que teño a oportunidade vou velas», explica.

Guillerme Vázquez xunto a Fernández Lores durante a súa etapa como concelleiro en Pontevedra
Guillerme Vázquez xunto a Fernández Lores durante a súa etapa como concelleiro en Pontevedra

Fun

Concelleiro, deputado no Parlamento e no Congreso e portavoz nacional do BNG

Son

Avó, xubilado e membro do Consello Nacional do Bloque Nacionalista Galego

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

QUE FAI AGORA... Guillerme Vázquez: «Son autocaravanista dende hai anos»