A diversidade migratoria en Galicia


Que Galicia é un territorio privilexiado para falar de migracións resulta indiscutible. Ás diversas vagas de emigración que se sucederon ao longo da historia e mesmo na actualidade, correspóndenlle outras tantas baixo a forma do retorno que mesmo se estenden por segundas e terceiras xeracións, ao que hai que engadir a inmigración máis recente de persoas de orixes que non teñen relación cos destinos tradicionais da emigración e tamén a acollida de persoas na procura de refuxio.

Galicia, é pois, un país de superdiversidade migratoria. Así, tomar mate nalgunha aldea da Costa da Morte, comer un cuscús na coruñesa Agra do Orzán ou un bo caldo no centro de Londres grazas ás dúas entregas de grelos frescos que chegan diariamente ao aeroporto de Heathrow, escoitar un concerto das caboverdianas mais tamén burelenses Batuko Tabanka, deixar que algún xornal nos descubra as orixes galegas de alguén que vén de acceder á presidencia dalgún afastado país, ou admirar antes de que se veña abaixo sen remedio esa xoia da arquitectura indiana que é o Parque do Pasatempo, forman parte dunha cotidianidade que sen dúbidas nos permite apropiarnos dun cosmopolitismo sen esnobismos, de andar por casa.

No entanto, compre tamén ter en conta que a riqueza que supón esta gran diversidade non debe ofuscarnos a mirada das desigualdades estruturais e das distintas situacións de vulnerabilidade que explican e están detrás dos movementos migratorios, sexan de chegada ou de saída.

Comprender a necesidade de actuar nas causas e tamén nas condicións de vida (emprego, benestar, vivenda, participación social e política...) das persoas migrantes é, pois, a única maneira de garantir a sustentabilidade da achega desta superdiversidade.

Por Antía Pérez Caramés Profesora de Socioloxía na UDC

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

A diversidade migratoria en Galicia