O curso de galego de La Voz dedica a súa última unidade á empresa e a tecnoloxía

Redacción LA VOZ

GALICIA

ALBERTO LÓPEZ

Cervantes e as variedades da castaña, as mulleres colleiteiras ou os balnearios son algúns dos fíos condutores desta nova unidade

24 ene 2019 . Actualizado a las 09:20 h.

O curso de galego de La Voz de Galicia abre hoxe a unidade número dez, o que significa que chega ao seu fin. Para rematar esta andadura de dez semanas pola lingua galega escolleuse o tema da empresa e da tecnoloxía. Cervantes e as variedades da castaña, as mulleres colleiteiras ou os balnearios son algúns dos fíos condutores desta nova unidade.

Estes contidos serán o pretexto para aprender ou repasar os conectores, as formas e os usos dos adverbios e das locucións adverbiais ou os cambios de orde nos elementos da oración. Ademais, insístese nos segredos dunha boa redacción e tamén na importancia da puntuación adecuada dos textos e da súa presentación. Coma sempre, a unidade cérrase coa autoavaliación, dez actividades coas que os usuarios poden comprobar o seu dominio do galego.

O curso remata e quen o aproveitara ben está en condicións de presentarse á proba oficial para obter o certificado Celga 3. Esta titulación acredita un coñecemento intermedio do galego, equivalente a un B2. Esto significa que a persoa que o supera ten un dominio do idioma que lle permite comprender textos, tanto orais como escritos, de certa complexidade, pode producir textos comprensibles e cun alto grao de corrección.

O acceso ao curso é sinxelo e gratuíto. Só é preciso entrar na web de La Voz de Galicia e buscar o apartado dedicado a esta actividade. Unha vez alí, proporcionando un correo electrónico poderase acceder ás nove leccións abertas durante as últimas nove semanas e, desde hoxe, á última, que fai o número dez.

A iniciativa púxose en marcha a finais do mes de novembro grazas á colaboración entre La Voz de Galicia e a dirección xeral de Política Lingüística, e o seu contido foi confeccionado pola empresa Netex.

A través deste curso, os usuarios puideron mellorar os seus coñecementos do galego, pero ademais tiveron, e teñen aínda, a oportunidade de facelo de xeito ameno. As dez unidades propoñían actividades variadas, de xeito que non resultasen pesadas. Ademais, as persoas que accedan ao curso poden coñecer mellor diferentes aspectos de Galicia, pois o curso repasou tanto a ciencia, como o deporte, as artes, o cine, a música ou a literatura, entre outras cousas.