Aprender galego lendo e viaxando

La Voz

GALICIA

A terceira unidade do curso de lingua galega de La Voz de Galicia, dispoñible dende hoxe, está dedicada á literatura e fai unha viaxe pola Feira do Libro de Bos Aires

06 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O curso de lingua galega que ofrece La Voz de Galicia en colaboración con Política Lingüística chega hoxe á unidade de literatura, onde, de forma atractiva e divertida, os seguidores do temario poderán coñecer máis dos escritores María Solar e Pedro Feijoo e farán unha viaxe pola Feira do Libro de Bos Aires. Dunha forma amena, aprenderemos máis claves do idioma da nosa terra.

O curso divídese en dez unidades que permiten prepararse para superar as probas de obtención do certificado Celga 3, que acredita unhas competencias intermedias en lingua galega. As persoas que obteñen este título son quen de desenvolvérense en contornos nos que o galego é a lingua de uso. Todo, aproveitando as novas tecnoloxías e as actividades multimedia para crear un curso interactivo.

Ao longo destas dez unidades, as persoas usuarias poderán non só aprender gramática, expresión oral e escrita e ortografía, senón que tamén terán a oportunidade de achegarse a diferentes aspectos sociais e culturais de Galicia. Tamén haberá tempo para a gastronomía, as paisaxes máis impresionantes, a música, o cine e as artes galegas ou a moda sostible.