Juan Serrano: «Os que me chaman bufón, estanllo dicindo a Caballero»

GLADYS VÁZQUEZ REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Gladys Vázquez / Senén Rouco

Entende que o humor «é para intelixentes» e confirma que repetiría a súa parodia viral do alcalde de Vigo

05 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pon o teléfono móbil en horizontal para simular como o gravou a súa filla. Mantén que foi un vídeo caseiro, «nunha soa toma» e sen ánimo de ofender. É máis, repetiría sen dubidar a parodia máis viral de Abel Caballero «ao estilo “top” de Portomarín».

-É consciente de que é o home máis buscando na rede nas últimas horas, non?

-Sospeitaba que podía marchar do círculo de mensaxes onde foi mandado, pero non que chegara a esta repercusión. Quedo coa promoción do meu concello e os plans como lugar residencial para persoas maiores.

-Cantas mensaxes ten no móbil?

-Está saturado. Eu son un alcalde rural, non teño servizo de prensa e todo recae en min. Estou satisfeito de que sexamos «top» nas redes en España. Máis aló do vídeo, tamén teño responsabilidade de promoción do lugar.

-Que lle dixeron os veciños?

-A xente pasouno ben, esquecendo o rancio da política. Se dese unha noticia en rolda de prensa non tería este alcance.

-Non pensou nas consecuencias negativas?

-Non pensei na transcendencia, pero non me arrepinto. Non fixen nada malo. A xente está cansada do que pasa na política.

-Pero cre que puido prexudicar aos seus veciños?

-Nunca farei nada que os prexudique. O demais é sacar as cousas de contexto. Se notase que fixera algo mal para eles, xa tiña deixado o cargo. Son de Portomarín e, despois da familia, a vila é o máis importante para min.

-Haberá quen pense que o vídeo non tivo nada de espontáneo.

-Non minto. Estaba na casa coa familia, lin algo do alcalde de Vigo e púxenme a parodialo. A miña filla díxome que o facía ben e gravámolo. Paseillo aos amigos e despois chegou a sorpresa.

-Quere dicir que volvería atrás e manteríao no ámbito privado?

-Non dou pasos atrás. Vin con pouca equipaxe e, cando marche, irei coa mesma maleta. O que fixen, fíxeno pensando no ben de Portomarín.

-Vostede é alcalde popular; que sexa un socialista o parodiado fai pensar mal.

-Vin un ton desenfadado no seu formato. El anunciaba algo efémero como as luces do Nadal. Eu anuncio medidas para maiores. No fondo é a diferenza. Divertinme moito facéndoo e non se me ocorreu criticar a Caballero. Quixen emulalo teatralizando, non ofendelo. Estou seguro de que non acadei o seu nivel de excelencia. A copia sempre é peor que o orixinal. Os compañeiros de Caballero que me chaman bufón estanllo dicindo en realidade a el. O humor é para intelixentes, quen non o entenda ten un problema.

-O vídeo tíñao moi estudado. As frases son iguais.

-Pois xuro que nos papeis que saen no vídeo non hai nada escrito. É certo que o vira dúas ou tres veces e lle collera ben a entoación, pero prometo que non o preparei.

-Falou directamente co círculo de Abel Caballero?

-Non recibín chamada ningunha de Vigo. Se a recibo, serei cortés. Tampouco me importa a min facela. Só penso que se o chego a preparar, isto xa sería moito.

-E non recibiu a chamada do seu partido?

-Non. Nunca me chamaron a atención por nada. É o partido máis liberal que coñezo, referíndome á liberdade interna. Só tiven boas palabras de cargos públicos do PP.

-Pero entenderá que haxa quen pense que se estaba rindo do alcalde de Vigo.

-Pois chegáronme mensaxes do PSOE e do nacionalismo dicindo que o pasaran ben co vídeo. Os meus e os estraños entendérono. Chámame a atención que alguén non o vira así.

-Non sei se repetiría unha gravación semellante.

-O que non entendo é moitas cousas que se fan na política. Hai un enorme clima de tensión. Eu quero deixar un ambiente de tranquilidade para a xente e os políticos non o estamos facendo. Hai que baixar o ton.

-Repetiríanos agora os grandes momentos da súa imitación de Caballero?

-Non me importa repetilo as veces que faga falta.