Elena Candia: «Teño moito carácter»

GALICIA

Pinto & Chinto

A alcaldesa, que acaba de cumprir os corenta, mostra que, sobre todo, é moi de Mondoñedo

23 feb 2018 . Actualizado a las 18:26 h.

No despacho da alcaldesa de Mondoñedo hai un pequeno retrato da súa avoa. Conta que baixaba cada día dende a súa casa a levar o leite á cidade. E que o retrato está aí para non esquecela. A entrevista faise nunha comida, durante a cal a alcaldesa come, contesta as preguntas, fai as súas e atende o teléfono, dende o que resolve algunhas cuestións executivas do cargo. María Elena Candia (Mondoñedo, 1978 -«Nacín coa Constitución», di-), acaba de cumprir os corenta e mostra que, sobre todo, é moi de Mondoñedo.

-Se os 50 son os novos 30, os 40 son os novos 20?

-Pode ser. Dende logo creo que é unha etapa interesante; permíteche afrontalo todo con máis experiencia. Vívelo doutro xeito.

-Ten o Concello, é portavoz na Deputación, responsable do partido... que é o máis difícil?

-O partido. Teño que ser sincera, non? Pois o partido.

-Como era de nena?

-Ensínolle unha foto?

-Non é necesario [faino de todos modos].

-Nunca fun rebelde, sempre moi responsable. Boa estudante, con bolsa. Moi do rural, cun grande apego á familia e influenciada por criarme coa avoa; e moi defensora dos valores que aprendín da familia, dunha xeración que viviu un momento económico e social moi distinto ao que vivimos agora.

-Conte algunha travesura, que algunha habería.

-Si, fixen unha e vouna contar para que a vexan meus primos. Fixen flocos co millo normal e aceite dos chourizos. O ideólogo foi meu primo, pero eu fun unha cooperadora necesaria, ha, ha. Fixemos lume, que xa é unha primeira travesura, collemos unha tixola e cunha esponxa sorbemos no aceite dos chourizos. O malo é que cando estoupou o millo, soubérono todos, ha, ha.

-Estudou Dereito na Universidade da Coruña e di que volveu á casa todas as fins de semana. Nótase que non a confundiu a noite coruñesa.

-Non, non me confundiu. Creo que a universidade é unha etapa moi bonita. Elixín Dereito porque pensei que era unha formación que che permite defenderte mellor no mundo. Tampouco era estritamente vocacional. Logo fixen algúns cursos de especialización, pero todo o orientei a volver a Mondoñedo.

-Chegou a exercer de avogada?

-Por conta allea. Logo xa collín a delegación de Mapfre.

-E a política, como se meteu?

-Traballei no Concello e o alcalde deume a oportunidade de presentarme a concelleira. Cando entrei tiña 25 anos. Foi unha etapa que me achegou bastante.

-Non se lle deu mal.

-Todo foi un pouco accidental. Eu non tiña ningunha ambición política, nin a coñecía, nin o aprendín na casa, nin ninguén próximo a min mo ensinou. É máis, na miña familia non tiña moi boa imaxe.

-Podería dicir aquí, agora, un verso de Cunqueiro?

-É o que utilizo case sempre para definir a miña cidade: «Mondoñedo é rica en pan, auga e latín». É dos que máis me gustan, porque ademais é verdade.

-Defínase en catro palabras.

-Pois... Moi arraigada ao meu, ao sitio onde nacín, aos meus costumes... son moi activa. Teño moito carácter, porque iso, se non cho digo, vancho dicir. Son moi de extremos, cando me enfado, enfádome moito, e cando as cousas saen ben levo unha grande alegría. Pode poñer que me gusta moito comer, aínda que non sei se é algo que me defina.

-Defina agora Mondoñedo.

-É un escenario de oportunidades, con moita historia, que necesita máis autoestima, que non ten que inventar nada, e absolutamente inspiradora.

-A quen invitaría a dar un pregón das festas: a Pau Gasol, a Albert Rivera, a Miguel Ángel Silvestre ou a Pablo Alborán?

-O máis internacional é Pau Gasol, non? Pois a Pau Gasol.

-Que lle gusta facer cando non traballa?

-Andar, comer, facer doces, ler.

-Recomende un libro.

-Nada, de Carmen Laforet.

-Na cociña, só doces?

-Dáseme ben. Sei amasar, facer pan, empanadas, as cousas tradicionais como o caldo, unhas lentellas... Cociñar é unha arte como poucas. Estar moito tempo lonxe da cociña faiche perder calidade, pero creo que se me dá ben. E gústame presumir diso.

-Será do Lugo, do equipo de fútbol.

-Si, claro, aínda que os deportes son a miña materia pendente.

-Ten tatuaxes?

-Non! Horrorízanme as agullas.

-O seu lugar favorito.

-Non son moi viaxeira, aínda que teño a capacidade de gozar en calquera lugar. Se teño que dicir un, a aldea de Ramís, onde nacín. Pero teño que recoñecer que na costa da Mariña hai espazos incribles.

-Unha canción.

-Negra Sombra, de Luz Casal.

-O máis importante na vida

-A nivel individual, a saúde. E, dende logo, a familia. E os amigos.