Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Vigo, é un dos cargos investigados polo caso da medicación da hepatite C
19 abr 2016 . Actualizado a las 13:51 h.O xerente da área sanitaria de Vigo non ten dúbida: «Temos actuado correctamente». Félix Rubial é un dos dous investigados polos tratamentos da hepatite C. Recoñece que está preocupado, pero tamén convencido de que actuou correctamente, «como xestor e como médico».
-¿Qué ocorreu cos tratamentos?
-Este proceso iníciase a mediados do 2012 e remata cando se pon en marcha o Plan Estratégico para el Abordaje de la Hepatitis C en el Sistema Nacional de Salud, o 1 de abril do 2015. En Galicia nese período tiñamos unha subcomisión de hepatite C formada por expertos que avaliaban de forma homoxénea todas as solicitudes que ían á Subdirección Xeral de Farmacia. Facíase así para aplicar idénticos criterios para pacientes diferentes e con patoloxías diferentes.
-¿Con qué resultados?
-Nese tempo aprobáronse 1.137 tratamentos e outros 13 non cumprían os criterios. É un 99 % longo de aprobación, case un 100 %. Entre os aprobados, os oito casos da denuncia.
-¿Asinaba vostede tanto as aprobacións como os rexeitamentos que se realizaban?
-Si, como responsable máximo da Comisión de Farmacia e da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.
-Esa denuncia fala de retrasos nos tratamentos.
-Non é así segundo a información que nós temos, pero teremos que aportala na comparecencia do día 28, se é certo que se produce.
-¿Había un máximo de dous meses para aprobar o tratamento?
-Si, había ese período para resolver. Pero foi cambiando. Nalgún caso acurtouse.
-Un dos casos da denuncia fala de cinco meses de retraso.
-A información dese caso que cita non coincide coa que nós dispoñemos.
-Hai outro que se solicita en maio, rexéitase en xuño, vólvese solicitar e outórgase en decembro.
-Non coinciden coa información que temos, eses datos.
-Pero ¿non coinciden estes dous casos ou non coinciden en xeral?
-Nas demoras e na xestión non coinciden.
-¿A que se refire o fiscal cando fala de restricións de tratamento por razóns orzamentarias?
-Descoñézoo. Non teño toda a información porque non se nos notificou. Permítame que non opine.
-¿Nalgún caso se rexeitou un tratamento polo seu custe?
-En absoluto. Todos os tratamentos pasaban por unha comisión técnica que seguía só criterios médicos. Todos se avaliaban por criterios médicos.
-Non falaban de euros.
-Os criterios de aplicación eran clínicos.
-¿Recibiu a orde de vetar tratamentos para non gastar?
-En absoluto. A valoración dos criterios era elaborada por profesionais de forma anónima. A información que recibíamos era a que traducíamos nas resolucións.
-¿Os criterios de tratamento non os impoñía o Sergas?
-Non, eran homoxéneos para todo o Sistema Nacional de Saúde. E as indicacións estaban moi ben dirixidas, como demostra que se aprobasen practicamente o 100 %.
-¿Pode ser que o médico solicitase un tratamento pero a dirección do hospital o frease?
-Cústame entendelo, pero hai determinados pacientes que estaban moi maliños de saúde e ás veces determinados medicamentos estaban contraindicados.