«A xente de aquí é sumamente obediente»

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios VILALBA / LA VOZ

GALICIA

Manuel Prado, único axente de Friol, comezou no servizo hai 36 anos, usando unha moto súa nos desprazamentos

13 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«Xa me pesan as botas», di, cun pouco de humor, Manuel Prado, policía local do concello lucense de Friol. Case 37 anos leva no posto, ao que chegou en xaneiro de 1979. O concello, conta, tiña daquela máis de 7.000 habitantes; hoxe, non entanto, anda por debaixo dos 5.000.

FRIOL

-¿Canto cambiou un traballo como o seu neste tempo?

-Antes tiñamos menos competencias. Agora, en sitios como este, competencias para traballar, todas as que queiras e máis; medios, os mínimos. Cando comecei, todo se facía nunha moto que era miña, unha Derbi de 49 centímetros cúbicos. Despois, cando gañei máis cartos, comprei un [Seat] 600 de segunda ou terceira man. Os accesos que había eran malos: había que deixar o coche ou a moto e ir andando.

-Neste tipo de concellos, ¿nota que hai hoxe máis inseguridade ca daquela, cando comezou a traballar?

-Este é un sitio tranquilo. Hai algo de todo; pero polo que respecta á vila, é tranquila.

-¿Supón un problema traballar só nun servizo destas características?

-Tes que comer todos os marróns. Se hai calquera cousa, tes que facela: por exemplo, no tema dos atestados. O meu horario é polas mañás; pero sempre tes que botar horas para facer cousas pendentes.

-¿Respéctao a xente?

-O comportamento da xente é bo. Non teño queixa. A xente é sumamente obediente, aínda que traballar onde naciches e te criaches non é doado.

-¿Gustaríalle chegar a ter un compañeiro no servizo?

-Non estaría mal; pero esa oportunidade non a vou ter.