O alcalde monfortino pensa que as asembleas abertas do BNG non serviron para conectar co descontento social
02 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.Hai mareas vivas no mar da política galega. «Ou somos capaces de cambiar, ou van seguir gobernando as forzas conservadoras que para nada cren en Galicia», avisa Severino Rodríguez, alcalde de Monforte polo BNG desde o ano 2003 e un dos asinantes do manifesto Somos Maioría. O pasado venres fixo pública a súa decisión de non presentarse á reelección.
-¿Cando lle comunicou a súa decisión á executiva nacional?
-O luns tiven unha reunión coa responsable de política municipal, Goretti Sanmartín, que teño que dicir que é unha muller que soubo entender a problemática dos alcaldes dentro do BNG. Ata que chegou, era como se non existísemos. Non se trata de que a organización faga o que digamos, senón de escoitarnos. Somos os que estamos na rúa e algo poderemos achegar á política a nivel nacional.
-¿Falou con Xavier Vence?
-Vence chamoume ao día seguinte para que reconsiderase a miña decisión. No BNG cren que se fose candidato seguiríamos tendo a alcaldía de Monforte. O que lle dixen é que non hai volta atrás e que aquí estou para o que faga falta.
-Entón non hai volta atrás.
-Non. Non hai volta atrás, por se alguén pensa que nun momento dado se me pode pasar pola cabeza presentarme no Bloque ou noutra candidatura. Digo noutra candidatura porque me teñen preguntado se vou deixar á organización. Para min o Bloque é unha ferramenta, un instrumento onde me parece que agora hai que estar. Pero se nalgún momento considero que o instrumento para cambiar a realidade do meu país é outro, estarei dese outro lado. Non porque teña nada en contra do Bloque, senón porque me parecería mellor. Neste momento, non contemplo ningunha posibilidade. A miña decisión é deixar a alcaldía e non presentarme a ningún outro cargo institucional.
-¿Ve na súa organización un instrumento de transformación da sociedade?
-Teño a concepción de que a organización é importante, pero non tanto como o obxectivo que persegue e, sobre todo, a xente que consigue aglutinar. Unha organización pode ter uns principios extraordinarios, pero se non hai xente detrás non está a facer un papel de transformación da sociedade. Nesa situación as organizacións deben reflexionar, porque seguro que hai algo que están facendo mal.
-¿Contribuíron as asembleas abertas do BNG a conectar co descontento social?
-Penso que non serviron para iso. Falo do que eu coñezo. Igual noutros sitios a realidade é distinta. Todo movemento precisa dun liderado forte. Non falo dunha persoa que manda e os demais obedecen. Falo dun liderado que sexa capaz de xerar ilusión e sobre todo que sexa capaz de facer posible que todo o que hai ao seu redor reflexione. Ese liderado hoxe, da maneira en que están as cousas, non existe nin no BNG nin no mundo que está á esquerda do PSOE.
-¿Axudarán as mareas cidadáns a renovar a política?
-Esas mareas teñen o punto débil da falta de liderado, pero serven para remover o ambiente e iso é positivo. Axudan a que as forzas políticas consolidadas, por dicilo dalgunha maneira, recapaciten sobre determinadas correccións no seu discurso e na súa forma de actuar. Dicir que a maneira de facer política ten que mudar é fácil, o tema é concretar como se debe facer. Non é só un problema dos políticos.
-¿Que cambiaría vostede?
-Eliminaría e o afán excesivo por defender a organización política á que un pertence. Cando falo con outro alcalde, sexa do partido que sexa, ten os mesmos problemas e terminamos por entendernos. O entendemento acaba se pon por medio o grupo político. Canto máis arriba, máis separacións artificiais hai.