Germán Manuel Mouzo García (Muxía, 1957) é un dos principais adxudicatarios de obra pública e privada na Costa da Morte. Leva no negocio dende 1979 con máis de medio cento de persoas ao seu cargo e ocupouse de algúns traballos especialmente significativos na zona, entre eles a restauración do santuario da Virxe da Barca efectuada no ano 1993. De aí que o alcalde muxián, Félix Porto, decidise confiar na súa empresa dende o primeiro momento para os traballos urxentes derivados do incendio.
-¿Como está a bóveda?
-Está perfecta. Nós andamos por enriba e non ten ningún problema. Agora ben, non é algo que se poida abandonar porque seguiría acumulando chuvia e peso ata que chegaría un día que caese. Ademais, os muros teñen 1,60-1,80 de espesor pero, cunha cara mestra por fóra e outra parede por dentro. No medio, ademais de zonas ocas, como as escaleiras polas que subimos ao campanario, hai unha cámara duns 10 centímetros que, se se enche de auga, acabaría secando pero levaríalle moitísimo tempo. De aí que sexa tan importante poñer a cuberta provisional. Nós temos claro como levantala porque xa a fixemos da outra vez, pero está o tema de Patrimonio que ten que autorizar, aínda que espero que non haxa problema porque o alcalde está moi enriba dese tema falando seguido con eles.
-¿Cal foi a súa reacción despois do incendio?
-Paramos as outras obras todas e puxémonos á disposición do Concello para o que fixese falta dende o primeiro momento. Nós coñecemos isto como a palma da man e, aínda que haberá por aí moitas igrexas importantes, A Barca non é unha máis. Ten unha gran transcendencia para Muxía desde todos os puntos de vista, incluído o económico, e ao pobo faille falta que estea arranxada canto antes. Por iso estamos a facer todo o que podemos no tema da limpeza e máis para colocar a cuberta provisional. Despois o proxecto definitivo eu outra cousa e xa se verá como vai.
-¿Como é o traballo no alto do teito da Barca?
-Non é fácil, sobre todo por culpa do vento que nos dificulta bastante, pero traballamos todos amarrados uns aos outros e cunha liña de vida para garantir a seguridade e que non nos pase nada.
-¿A onde van os escombros?
-Levamos todo a un xestor autorizado de Vimianzo. Somos os únicos da zona que estamos habilitados para facer este tipo de labores e co traballo que me custou conseguir as certificacións ISO e EMAS non as vou a perder agora por aforrar catro pesos nun camión de escombro. Evidentemente, o prezo encarécese, pero as cousas hainas que facer como é debido. Non é un asunto co que se poida andar xogando.
-¿Que prazos manexa para acabar de limpar o tellado?
-Iso dirao o tempo. Dependemos moito das condicións meteorolóxicas e resulta difícil poñer unha data. Nós habemos de traballar o que poidamos e, de feito, xa o estamos facendo para acabar o máis axiña posible e con todas as garantías que se esixen nunha actuación deste tipo.
-¿Queda algo aproveitable da antiga cuberta?
-Non. Hai que retirar todo. As tellas, que están partidas, o chumbo do tellado e os restos todos que quedan por alí. Temos que limpalo perfectamente e non é precisamente pouco, porque no 1993, ademais da tella, que a trouxemos do Barco de Valdeorras, tamén tivemos que cambiar parte das vigas e máis outros elementos. Foi unha pena porque todo aquilo estaba perfecto e posto de novo.