Galicia como centro e obxectivo principal

GALICIA

Discurso del director xeral de Galaxia

22 nov 2013 . Actualizado a las 12:11 h.

Presidente da Xunta de Galicia, señora presidenta do Parlamento, señor presidente da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e presidente de La Voz de Galicia, o meu editor, polo tanto, case todo queda na casa, autoridades todas, queridas amigas e amigos que sodes tantos que non é doado nomealos a todos.

Na miña condición de director xeral, tócame falar en nome dos compañeiros e compañeiras da Editorial Galaxia en ausencia do noso presidente, Alfonso Zulueta de Haz, que hoxe non puido acompañarnos, e en ausencia de Benxamín Casal Vila, o noso presidente anterior, que foi quen recibiu a noticia deste galardón e a quen, estou seguro, ilusionaría moito pronunciar hoxe estas palabras. Desgraciadamente, Benxamín Casal deixounos o pasado 30 de agosto, nun final acelerado que abriu un buraco moi grande en todos nós.

En nome pois dos compañeiros e compañeiras de Editorial Galaxia, en nome dos seus consellos de Administración, en nome da memoria dos seus fundadores, e tampouco os vou nomear a todos, porque algúns xa se citaron aquí, desde Ramón Otero Pedrayo, a Carlos Casares, que me precedeu na dirección xeral, Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla, Domingo García-Sabell... En nome dos seus colaboradores e dos autores e autoras que confían no noso labor, mesmo atreveríame a dicir que en nome dos miles de lectores que nos acompañan (dentro de Galicia e na Galicia exterior, que tamén existe), en nome de todos e de todas quero en primeiro lugar dar as grazas por esta distinción. Para moitos de nós La Voz de Galicia constitúe unha referencia permanente de información e memoria histórica, testemuña do noso ser colectivo, fundada hai 131 anos por Juan Fernández Latorre, promotora no seu día, xunto con Andrés Martínez Salazar, da Biblioteca Gallega, o primeiro gran proxecto editorial das letras galegas, que acolleu os nomes do Rexurdimento? Recibir esta distinción, que leva o apelido do fundador, continuado polo seu neto, é unha honra que agradecemos e que queremos salientar.

Somos conscientes de que o que premia hoxe La Voz de Galicia é unha traxectoria, unha memoria histórica. Editorial Galaxia naceu hai 63 anos cun compromiso inequívoco con Galicia, iniciativa dunha xeración certamente irrepetible da que nos sentimos herdeiros. Compromiso coa democracia e as liberdades, moi fundamentalmente co autogoberno, no que Galicia se concibe como centro e obxecto principal, non aldea, nin periferia. Compromiso coa lingua galega non coma un adorno, senón como unha realidade aberta, en diálogo coas outras linguas e coas culturas todas do seu tempo. Compromiso coa modernidade de creación e pensamento. Compromiso coas novas xeracións, ás que debemos deixar un patrimonio enriquecido e ilusionante, para que o continúen. Estes obxectivos presidían a estratexia dos fundadores e seguen ser os guieiros fundamentais da nosa actividade.

Somos conscientes, repito, de que este premio recoñece e agasalla esta traxectoria. Galaxia naceu coma estratexia de resistencia político-cultural nun contorno certamente difícil: a ditadura. Hoxe Galicia dispón de institucións propias, vive en democracia e deu pasos xigantescos no seu desenvolvemento social, cultural e económico, se a comparamos con aqueles outros tempos. Mais os desafíos (e os problemas) seguen aí: a globalización, as novas tecnoloxías, os novos hábitos de consumo, a concentración financeira, novas formas e novos produtos culturais, novos xeitos de comunicación, a cultura do ocio, a presión esmagadora da sociedade de consumo, son realidades obxectivas que non podemos ignorar. A cultura galega enfróntase hoxe a un contexto moi distinto daquel mundo dos nosos avós. Os grandes desafíos están agora nos mercados. Desafíos e, ao mesmo tempo, queremos pensar que oportunidades. Pero ou a cultura galega consolida a súa presenza nesta nova realidade, que é unha realidade local e é unha realidade global ao mesmo tempo, ou acabará reducida a peza de museo, santo de adorno nas procesións, algo que de ningunha maneira podemos aceptar.

Estamos a falar dunha nova modernidade histórica, igual que no seu día o foi a galaxia Gutemberg e logo a revolución audiovisual. O mundo é distinto, mais nós traballamos a prol dunha cultura galega no mundo: neste mundo, o que nos toca vivir.

Afortunadamente, a sociedade galega vén demostrando dende hai tempo a súa capacidade de creación cultural en moitos e moi diversos ámbitos. Galaxia é unha peza máis dunha totalidade que cómpre enxergar estratexicamente: a industria do libro (tamén do libro electrónico, por suposto), o cine e a produción audiovisual, a música, as empresas de comunicación e información, as artes escénicas, as artes plásticas, o universo das novas tecnoloxías (dende a produción de videoxogos á xestión ou deseño de plataformas de promoción e comercio electrónico), e mesmo incorporando o valor simbólico do que significa a cultura a eidos da economía que ás veces non se consideran dende esta perspectiva e que constitúen importantes achegas ao PIB: o turismo, o patrimonio histórico, arqueolóxico e museístico, o Camiño de Santiago (que tamén é unha industria cultural), a gastronomía, a industria do viño e do sector alimentario, o medio ambiente, o deseño (que engade valor e transforma as materias primas), a lingua...

A lingua galega, que para Galaxia é a primeira marca de identidade, non é unha lingua local, e este é un discurso que debemos empezar a desenvolver sen complexos, pensando sobre todo nas novas xeracións. A lingua galega, irmá do portugués, do brasileiro, do angolano e o mozambicano, do caboverdiano e algunhas prazas de Asia, é unha lingua de ampla circulación que pertence a unha gran familia común, de abondosa e crecente demografía, que ten as súas orixes na nosa Terra e presenza, hoxe, en ámbitos económicos distintos e emerxentes. Non se trata de renunciar á identidade de noso, porque sería suicida, nin moito menos disimularnos na dos demais, entre outras cousas porque a identidade (a diferenza) é o que nos dá valor de marca no mercado (ser galegos, non outra cousa), mais si resituar o discurso dende unha nova perspectiva, no marco dos espazos de comunicación aos que irremediablemente nos obriga xa o novo século, e no marco da economía, porque somos conscientes de a que persoas e a que sector lle estamos a falar. Aínda que levamos tempo matinando nisto, o discurso non é noso nin de agora: está en Xohán Vicente Viqueira, nas Irmandades da Fala, en Castelao, en Valentín Paz Andrade... Seria un estrago imperdoable non aproveitar este tesouro.

Un rapaz ou unha rapaza do século XXI, nunha Galicia desenvolvida, que non ralee medios para a formación de seu capital humano, un rapaz ou rapaza desa Galicia, repito, formados nos parámetros do tempo que nos toca vivir, ten unha posición xeolingüística certamente privilexiada. E por tanto, unha posición económica privilexiada tamén. Teñen unha lingua de identidade, que serve de marca a calquera acción ou produto que poidamos desenvolver (partimos da base de que coa correspondente calidade), e ao mesmo tempo, con moi pouco esforzo, teñen oportunidade de achegarse a eses espazos de poboación mundial coma os que acabo de citar, que poden ser tamén mercados, xa que hoxe acordamos falar nestes termos. Galicia coma ponte entre dous mundos, que soñaba Eduardo Pondal. O castelán, que non é unha realidade estraña, é outra ferramenta mais de relación: cos outros pobos de España e con Hispanoamérica. Se a isto engadimos o inglés coma lingua de autoestrada, e mais as linguaxes novas da tecnoloxía dixital, debemos aceptar que moi poucas sociedades están en condicións de moverse con semellante bagaxe. O problema do desenvolvemento de Galicia non é a súa lingua, como ás veces parecen queren dicir algúns, todo o contrario: a lingua está a ser desaproveitada. A cuestión é se somos quen de elaborar discurso e produto propios, competitivos dabondo para operar nos mercados (tamén nos mercados da cultura). Este é o desafío.

E aquí cómpre salientar o papel das políticas públicas.

Por primeira vez na súa historia recente, Galicia dispón de institucións e recursos como non tivo nunca. A sociedade civil, da que no ámbito cultural nos sentimos representantes, conforma os fundamentos da nosa vitalidade social, mais cómpre deseñar unha política activa de recursos a prol de poñer a andar este horizonte estratéxico: modernidade, creatividade, competitividade e alianzas alí onde poidan establecerse para potenciar a nosa capacidade de creación e a nosa capacidade para difundir e dar a coñecer esa creación nos espazos da economía e da intelixencia. A crise que estamos a padecer non pode ser un pretexto para quedar desasistidos. Hai cousas que, se deixamos que se estraguen, moi dificilmente as recuperaremos, e a cultura é unha desas cousas, porque no fondo é un territorio fráxil: fundamental para o desenvolvemento das sociedades, pero fráxil. As máquinas que dominan a globalización impoñen os seus intereses e son as primeiras en querer pasar a arrasadeira do pensamento único (que é tamén consumo único e rendibilidade máxima), e nós somos un país de recursos limitados, demograficamente reducido, o que esixe, acaso máis que noutros casos, intelixencia, imaxinación e mesmo enerxía por parte dos que teñen a responsabilidade da administración e o goberno.

Quero rematar volvendo aos agradecementos, moi especialmente para os amigos e amigas de La Voz de Galicia, que hoxe nos acolle na súa casa. Con referencia especial ao seu editor e capitán deste barco, Santiago Rey Fernández-Latorre.

Editorial Galaxia e as súas fundacións (a Fundación Penzol, a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Isla Couto), depositarias dun patrimonio histórico de primeiro nivel e, sobre todo, comprometidas co futuro do país, que son os homes e as mulleres que o habitan, sentímonos moi honrados con esta distinción, e facemos votos para que, dende as institucións de goberno, que son as que administran os recursos de todos (os recursos públicos), se considere este ámbito (a cultura) coma un territorio estratéxico no que cómpre intervir, non inhibirse. Pola nosa banda, e na medida das nosas posibilidades, ofrecemos a nosa colaboración, como fixemos sempre. Todos os tempos teñen as súas dificultades (os seus desafíos), mais a vitalidade das sociedades se manifesta na capacidade para afrontalas e superalas.

Moitas grazas a todos e a todas.