Labor compensatorio

GALICIA

05 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Naceron os comedores escolares a mediados do pasado século, para dar o xantar aos alumnos que non podían ser transportados a mediodía, diante do nacemento das concentracións escolares. Levaron a cabo, ademais, un grande labor educativo e nutricional, especialmente nas zonas rurais. Pero a xeneralización das xornadas escolares de sesión única e a demanda social de conciliación da vida laboral e familiar cambiaron o enfoque deste servizo. A maior parte dos pais queren que os seus fillos coman na escola e, por suposto, que sexa de balde. Esta é, en moitos casos, unha demanda irresponsable. Por dúas razóns. Aínda que hai fogares nos que non é doado darlles de xantar aos rapaces, noutros o que se pretende é que estes non estorben. Canto máis tarde cheguen á casa, mellor. Segundo, regatéanse uns cantos euros para pagar o comedor, mentres que, a auténticos cativos, dáselles cartos a esgalla ou móbiles dos mellores.

Ten toda a razón o conselleiro cando di que hai que evitar a picaresca. As Administracións públicas non son pozos sen fondo. E no caso da educativa, chégase axiña abaixo. Os servizos complementarios, transporte e comedor, supoñen en Galicia moito máis gasto que no resto do Estado. Pola dispersión da poboación ou polo ruralismo. Xa que logo, resulta moi difícil levar a cabo un labor compensatorio e de xustiza social, en especial nesta dura crise. No caso dos comedores escolares, e en desenvolvemento da súa recente normativa, as familias que non poden non han pagar nada. Son un 77 %. As demais farano en función da súa renda. É o que debe pedírselle á Xunta de Galicia.