Un amigo meu diría «o que non xestiona o home, xestiónao o lume». O noso maltreito sector forestal necesita doutra perspectiva para intentar atallar os graves problemas que posúe. Galicia, de xeito natural, é unha potencia forestal. Quítanse dos nosos montes arredor de sete millóns de metros cúbicos ao ano. Aínda así temos 600.000 hectáreas forestais non arboradas e outra serie de problemas relacionados coa atomización da propiedade, os incendios forestais, o nivel de planificación e a baixa porcentaxe de certificación.
A ordenación forestal busca a materialización das potencialidades do monte dende o ámbito económico, social e medioambiental, planificando traballos e usos tanto no tempo como no espazo, co fin de obter unhas rendas constantes sen comprometer a súa sostibilidade no tempo.
Un monte ordenado supón infraestruturas ben coidadas e masas forestais ben xestionadas dende o punto de vista silvícola, o que incide directamente nun descenso importante da carga de combustible inflamable que poida ser obxecto de incendio. Tamén é o piar básico para conseguir a certificación forestal dos nosos montes, coa que se lle dá un valor engadido aos produtos que del se obteñen, sendo máis competitivos nos mercados exteriores e nacionais.