Vázquez asegura que non pactará con Besteiro e ratifica a súa idea de reunir os avais necesarios para que resolvan as bases
21 jul 2013 . Actualizado a las 06:00 h.As adhesións colleitadas nos últimos días por Besteiro reforzan o protagonismo do alcalde da Illa, Manuel Vázquez. Aínda que parte en desventaxa, a súa determinación para seguir adiante é clave para garantir un mínimo de competencia e lexitimar as primarias consultivas. Só precisa reunir os avais necesarios para que decidan as bases.
-A retirada de Pachi Vázquez parece que lle deixa o camiño libre a Gómez Besteiro. Vostede aspira a romper ese pronóstico.
-Aspiro a que a militancia decida a que poda participar libremente e teña a última palabra. Cando deciden os militantes, nunca sabes o pronóstico. Con este proceso estamos xerando ilusión e quero que xermine nun proxecto para o PSdeG.
-Está na súa man que haxa primarias e non candidato único. ¿Segue na idea de non pactar?
-Vou falar con todos. É verdade que se falaba de que ía haber moitos candidatos e ahora isto vese reducido a dous. É así, se non sigo non habería primarias. Eu as defendo, porque a militancia ten que recobrar a ilusión.
-¿Non ten mantido ningún contacto con Gómez Besteiro?
-Non. Nin pola súa parte nin pola miña.
-Pero di que se non é o candidato con máis avais se retirará da carreira. O resultado sería o mesmo: un único candidato.
-Eu busco avais para ser candidato o día 7 de setembro. Neste proceso debemos chegar ata o final. A consulta celebrarase, pero será a militancia a que se decida por un ou outro. Se non son o máis votado nesa consulta non me presentarei ao congreso do día 29. Eu lle dou máximo valor á consulta. Quero ser o máis votado o día 7, ser elixido pola militancia.
-Tampouco é doado acadar os 1.100 avais necesarios para ser aspirante. ¿Os conseguirá?
-É complexo, sobre todo en tan pouco tempo e no verán. Como non temos acceso aos censos de militantes, temos que movernos por contactos e a través dos secretarios xerais. Pero non teño nada que obxectar. Acepto as regras de xogo do proceso.
-¿Sorprendeulle a decisión de Pachi Vázquez de non concurrir?
-Non. Sempre dixen que respetaría o que decidira. Teño a miña folla de ruta, que é traballar para que se abra un novo proceso no PSdeG. Sobre a decisión de Vázquez, creo que o enaltece e que é positivo.
-¿Como valora a etapa que rematará o 29 de setembro?
-É un período que non foi bó para o PSOE nin tampouco para o PSdeG. Os resultados electorais non foron os que queríamos e reflectiron que a cidadanía non estaba maioritariamente coa nosa forma de actuar e que debemos cambiar as nosas formas. É o que toca. Todos somos responsables, pero non é o mesmo o grumete que o capitán do navío. Hai que ser capaces de contactar coa militancia.
-¿E qué espera entonces da que comezará ese día?
-Estes meses están sendo positivos, porque hai debate a xente estase ilusionando. O importante é que o PSdeG volva ter un proxecto forte e ilusionante para volver enganchar á cidadanía.
manuel vázquez alcalde de a illa y aspirante a liderar el psdeG