Para entender o que pasa

GALICIA

26 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Acumúlanseme os datos sobre a mesa. Tratarei de ordenalos e resumir para que vostedes entendan o que está a suceder no Valadouro. Como esa é unha terra de bos dramaturgos (Manuel Lourenzo, Xesús Pisón...), comezarei por situar a acción na mañá do pasado venres nun salón de peiteado de Ferreira; alí María Xosé Fernández, a portavoz de Independentes do Valadouro, estráñase de que a blindaxe de 100.000 euros coa que asegurou o pacto de futuro goberno cos socialistas causase tal sorpresa; ela veo normal.

María Xosé Fernández é a muller que máis sabe de pactos na provincia con toda seguridade. No anterior mandato municipal o vello Sampaio, tamén do PP, gobernou en minoría O Valadouro xa aos seus máis de 80 anos grazas ao acordo acadado con esta mesma muller: o trato era que alternarían a alcaldía a metade de lexislatura pero chegado o tempo («Galiña branca! Galiña branca!» disque se oíu polos cumios do Cadramón) o señor Sampaio esqueceuse. Non ía gobernar O Valadouro unha muller mentres el vivira ou ao menos non esa muller. E María Xosé Fernández, farmacéutica e de vez enxeñeira forestal, tomou boa nota.

De aí a súa perplexidade agora: ela sabe mellor ca ninguén con quen trata. E, ousada, aconsella que en diante os pactos se pechen así, cunha blindaxe económica e na mesa dun notario.

Nisto que irrompe en escena o señor Barreiro, presidente provincial do PP, criticando o que denomina «unha transacción mercantil» máis ca un pacto e instando ao mesmo Rubalcaba a que actúe tamén. E aí salta María Xosé Fernández -nun plano case final- para lle lembrar ao señor Barreiro que ela mesma negociara con el van uns cantos anos un acordo de goberno que despois incumpriron, ofrecéndose mesmo a ir ao Senado a explicarllo se non fai xa memoria. Con ela non poden nun acto en final aínda aberto que comezou hai apenas un mes cando o aínda alcalde popular do Valadouro se someteu, un tanto inxenuo quizais e en minoría, a unha moción de confianza e remata con estoutra moción de censura blindada. Que cada quen xulgue.