«Non teño nada que opinar sobre o proxecto de Beiras, o BNG anda ao seu»

La Voz

GALICIA

20 jul 2012 . Actualizado a las 11:02 h.

O nacionalismo vive un futuro incerto tralo acontecido na última asemblea do BNG, que rematou coa primeira grande escisión da fronte dende que se constituíra no ano 1982.

-¿Seguiu vostede o que aconteceu o pasado sábado no Pazo de Congresos, onde Beiras medía as forzas do seu novo proxecto?

-Seguino como o resto de informacións que houbo a fin de semana. E non teño nada que opinar; sempre fun moi respectuoso cos procesos internos doutras forzas políticas. En calquera caso, o BNG está centrado no seu traballo, cunha campaña intensa, en contacto coa sociedade.

-Podería darse o caso de que concorreran ás autonómicas ata tres proxectos nacionalistas. ¿Cal cre que será o prezo que pagará o BNG pola escisión?

-Eu fun o primeiro en recoñecer que o que pasou non foi positivo. Houbo unha serie de persoas que non aceptaron os resultados democráticos. Pero tralo acontecido na última asemblea, é evidente que o Bloque está recuperando impulso político, cunha organización volcada no traballo.

-¿Cómo son as relacións actuais do Bloque co PSdeG?

-Normais, correctas, de respecto entre dúas forzas que representan alternativas distintas.

-¿Podería a contestación á crise establecer elementos de unión entre as dúas forzas?

-Iso terá que fixarse coa coincidencia das propostas programáticas. En política hai que diferenciar tempos. Nós somos unha alternativa por nós mesmos, e xa se verá se son necesarios acordos para asegurar unha gobernabilidade. É importante que a sociedade saiba que o transcendental non é unha alternancia no goberno, senón un cambio profundo de política.

-¿Non cre necesario que a xente visualice que pode haber entendemento?

-Pero iso terá o seu tempo. Nós representamos un proxecto alternativo no que hai profundas diferenzas co PSOE e tamén coas políticas que fixeron os socialistas cando tiñan responsabilidades de goberno. Non esquezamos que foi Zapatero quen abriu o camiño da austeridade, agora radicalizado polos recortes do PP.