Case un 10 % da masa forestal do parque natural das Fragas do Eume desaparecía esta fin de semana baixo as lapas. Unha vez máis, o risco tórnase incomprensiblemente en dano e desolación producida polo lume. O presidente referíase á posibilidade de que fora intencionado. Non é de estrañar; o estudo que no 2007 levamos a cabo desde o Consello da Cultura Galega refrexaba que un 30,4 % da poboación atribuía os incendios a accións criminais intencionadas. Refrexábase que o abandono dos montes, os usos das terras e a necesidade dunha política preventiva, eran aspectos cruciais.
O risco nas fragas ten unha distribución espacial e temporal, que ten que ver coa propagación e coa meteoroloxía e as épocas de perigo, e está vencellado á vulnerabilidade do territorio, que é ambiental, pola súa enorme biodiversidade, pero tamén social, porque cada vez máis cidadáns se ven afectados polas consecuencias, como o demostra o maior número de desaloxos ao que empezamos a vencellar a ocorrencia de incendios. Quizá non podemos evitar que un incendio xurda, pero educando á poboación poderemos evitar a súa propagación. Fomentar a cultura forestal e unha educación sobre o territorio que garanta unha redución da intencionalidade criminal e da combustibilidade do monte é un obxectivo alcanzable.