«O noso proxecto é o máis coherente e o máis útil para afrontar os retos»

m. b. SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

O aspirante di que, con independencia do resultado, seguirá no Bloque

27 ene 2012 . Actualizado a las 15:26 h.

Como xa acontecera no ano 2009, despois das autonómicas, Guillerme Vázquez (Pontevedra, 1952) encabeza a candidatura a portavoz de Alternativa pola Unidade, corrente liderada pola UPG. Enfronte terá como contrincante a Beiras.

-Semella que nesta asemblea hai dous polos, un que encarnaría a renovación e o seu, que é o da continuidade...

-Ese debate proposto neses termos serve para pouco; o que temos que analizar é que modelo político queremos para o BNG e que lle ofrecemos á sociedade. Todo o demais non axuda a resolver nada.

-¿Estase a dramatizar moito esta asemblea?

-Eu a vivo con total normalidade, coa conciencia de que estamos nun proceso democrático. E estou seguro de que os afiliados decidirán libre e soberanamente.

-O dicía polo risco de fractura...

-Eu podo falar por min e pola alternativa á que represento. Independentemente de cal sexa o resultado, nós permaneceremos no BNG.

-¿Non houbera sido mellor chegar a un consenso preasembleario entre todos para evitar un choque de trens?

-Non creo que sexa unha asemblea de confrontación, tal e como se está dicindo. O que hai son diversas alternativas sobre cal debe ser o camiño do BNG. No pasado verán houbo un proceso de diálogo para tentar un consenso, pero non cristalizou nun acordo de bases políticas e organizativas.

-¿Por que fracasou ese proceso?

-Porque había grandes diferenzas. Nós presentamos un proxecto que cremos acaído e que da resposta aos problemas e ás necesidades de hoxe. Falo da UE, do autogoberno, do modelo social e económico que queremos.

-Algúns ven nese proxecto, o da ApU, unha sorte de volta atrás que conduce ao BNG a ficar na marxinalidade...

-Ese é un debate falso, que non se corresponde coa realidade. Eu teño experiencia no equipo de goberno municipal de Pontevedra. E non me levantaba polas mañás pensando en como marchar do Concello. Cando non hai proxectos claros e definidos hai que recorrer a debates máis ben tópicos.

-O feito de que sexa unha asemblea aberta, na que se prevé unha alta participación, ¿fai máis imprevisible o resultado?

-Non estou pensando en números. O meu fin é explicarlle á xente por que cremos que o noso proxecto é o máis coherente, o máis serio e o máis útil e eficaz para afrontar os retos.

-Dígame algunha razón que explique por que é así...

-Temos unha folla de ruta clara, cun horizonte elemental nunha forza nacionalista: soberanía como estratexia e autogoberno como táctica. E un modelo social e económico xusto.

-Iso se supón que o defenden o resto das correntes...

-Se supón si, pero ten que estar expresado nos textos e eu o leo nos da ApU e non nos dos demais.

-¿Pode escenificarse unha integración sexa cal sexa o resultado?

-Nós estamos convencidos de que o BNG segue sendo a casa común dos nacionalistas. Nós fomos os que fixemos propostas para facer ultrademocráticos os órganos de dirección e reflectir a pluralidade.

-¿Imaxina vostede un BNG sen Beiras?

-O que non imaxino é o nacionalismo sen o BNG. En calquera caso téñolle ao señor Beiras todo o respecto persoal. E estou seguro de que compartirá comigo que o importante é o todo e non as persoas.

-¿Que lle parece a decisión de botarse atrás de Francisco Rodríguez?

-O máis importante é que vai nunha lista, a da ApU, que combina a renovación e que inclúe a persoas independentes.