Francisco Rodríguez é moi consciente de que os catro anos do seu segundo mandato serán moi distintos do primeiro. Non haberá fondos anticrisis de Madrid, e na Xunta manda o partido que en Ourense é oposición.
-Temos por diante anos moi difíciles. Nós estamos como hai catro anos, sen as dificultades de outros concellos, cun aceptable nivel de endebedamento. O problema que se nos aveciña é manter os niveis de calidade con menores ingresos. Hai que poñerlle imaxinación. En canto á Xunta, aí terá moito que dicir o PP local: non se pode consentir que se marxine á terceira cidade de Galicia. Aínda nun escenario de recursos escasos, algo nos terá que tocar. Non pode ser que en dous anos non tocáramos pelota para nada.
-¿Como casa coa política de contención a incorporación dunha concelleira non electa?
-É algo moi relativo. Se deixamos varios concelleiros sen exclusividade, e hai unha incorporación, o efecto é o mesmo. Non ten relevancia económica.
-A anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do 2003 en marzo deixou a cidade nunha situación moi delicada...
-É grave. Polo de agora estamos traballando en boa sintonía coa Xunta para acadar unha ordenación provisional urxente que ampare inversións, infraestruturas e actuacións estratéxicas en marcha. Houbo unha gran irresponsabilidade por parte do PP por aprobar aquel PXOM cando estaban advertidos das irregularidades. Agora, coa estabilidade que dan PSOE e BNG ao goberno municipal, agardamos que a finais de ano poidamos presentar a aprobación provisional o novo PXOM no que traballamos dende hai un par de anos.
-¿Que lle parece que a Igrexa pida a un crego que renuncie á súa condición despois de saír elixido concelleiro do PSOE?
-A Igrexa ten que vivir na realidade. Creo que é unha decisión que non se corresponde coa sociedade na que vivimos. Cando se fala de vocación, penso que un cura pode exercer o seu apostolado e o traballo político, e facelo estupendamente ben. É unha volta atrás. En Castrelo do Val, e noutros concellos da provincia, houbo curas exercendo a actividade política. Non sei quen fixo esa esixencia. Ao mellor, o feito de non ter bispo en Ourense influíu nesa tan discutible decisión.