Manuel Ruiz Rivas leva case un lustro sen participar activamente na política municipal ribeirense. Renunciou a ser concelleiro no 2006 para centrarse na súa labor como parlamentario. Pero, en realidade, nunca marchou de todo. Traballou arreo en cada cita electoral de Torres. Igualmente, a súa labor parlamentaria centrouse, sobre todo durante a etapa do bipartito, nos problemas da bisbarra barbancesa. Por unhas ou por outras, nunca se lle deixou de ver como o sucesor natural do actual rexedor. Agora que o vai ser, di que nunca tivo rivalidade con el.
-¿Dende cando se sente candidato?
-Dende hoxe [por onte]. Aínda non tiven tempo a analizalo.
-¿Algunha vez foi rival de Torres?
-Nunca fun nin me sentín rival de Torres. O fallo está en analizar a nosa relación esquecendo o punto de partida. Todas as miñas aspiracións e ilusións pasaban pola súa decisión. Xamais rivalicei con el, iso está moi claro.
-¿Cales son os seus principais retos en Ribeira, que quere facer?
-Eu pretendo que o pobo sexa consciente de que construír Ribeira ten que ser unha cousa de todos. O máis importante son os valores. Logo están as infraestruturas, e aí non vou ser orixinal. É obvio que Ribeira necesita unha nova lonxa ou unha circunvalación, por citar dous exemplos.
-¿Continuismo ou renovación na lista?
-O que queira ver renovación na miña lista vaina ver e o que queira ver continuismo tamén o verá. Haberá para todos, iso é seguro.