«Coa miña destitución, o que sinto é un certo alivio para amosar unha opinión política máis persoal»
GALICIA
A polémica destitución de Xaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) como portavoz do PSdeG acabou coa «provisionalidade» que Pachi Vázquez lle deu ao seu número dous no Parlamento cando o nomeou hai 18 meses. Agora, retirado xa da primeira liña, Leiceaga di asumir a súa nova situación con alivio. -¿Como viviu este proceso? -Con sentimentos encontrados, por un lado con certo alivio, porque ao comezo da lexislatura non tiña a perspectiva de asumir a responsabilidade de ser portavoz do grupo, e tamén con agradecemento para os compañeiros, por ver que nunca se cuestionou o traballo feito e iso é importante. Pero tamén, e teño que dicilo, con preocupación política. -¿Preocupación por que? -Porque se puxo o foco nas cuestións internas do PSdeG cando deberiamos estar explicando as nosas alternativas para os concellos. Todo este debate podía terse evitado. -¿Que orixinou as súas desavinzas con Pachi Vázquez, o proceso das caixas quizais? -Non houbo unha orixe, houbo sensibilidades diferentes sobre diferentes asuntos, que foron cristalizando en opinións distintas. Trátase máis ben dunha acumulación de cousas que dunha causa concreta. -¿Faltoulle a súa confianza dende o principio? -Pois probablemente, pero teño que dicir que puxen o cargo a disposición dúas veces: cando Pachi foi elixido secretario xeral, e logo de votar a lei das caixas, porque entón xa era moi perceptible que co meu apoio á fusión non formaba parte do seu círculo de confianza. E nas dúas ocasións renováronme. -Daquela, agora si que estará máis liberado... -Para estar liberado tería que sentirme aprisionado, e non era o caso. Eu intentei manter o máximo nivel de lealdade, algo que é moi importante cando o grao de responsabilidade é maior. Pero coa destitución, o que sinto é un certo alivio para amosar unha opinión política moito máis persoal. -¿Se todo o PSdeG apoia as regras contra a acumulación de cargos, por que se desencadeou a súa destitución? - O ocorrido non ten nada que ver con este regulamento interno, porque eu non tomo unha decisión, senón que a padezo. Aquí o que pasou é que se abriu unha nova fase política na que o secretario xeral ten dereito a contar con persoas da súa confianza, entre as cales eu non me atopo. -¿Entón non prantexou formalmente ir na candidatura do PSdeG de Santiago? -Non, en ningún momento. -¿Seguirá co seu escano? -A curto prazo si, para iso fun elixido, pero teño todo o mes de xaneiro para reflexionar. En todo caso, a miña decisión a día de hoxe é continuar como deputado. -¿Como ve que non se aplique a todos a máxima dunha persoa, un cargo? -Creo que o trato desigual non forma parte da cultura política do Partido Socialista. -¿Que opinión ten sobre o seu substituto, Abel Losada? -Formou parte da dirección do grupo parlamentario, como viceportavoz, e agora ten a oportunidade de demostrar realmente a súa valía. -¿Terá a súa colaboración? -Eu vou ser un deputado co nivel de responsabilidade que se me asigne, pero non me parece razoable formar parte da dirección do grupo. Eu xa representei un problema como portavoz e repetir os mesmos erros non tería sentido. -¿Como sae o PSdeG deste proceso? -Un proceso de substitución coma este, sen dúbida que xerou dificultades, pero a pesar de todo, algúns facilitamos que fora pacífico. Agora é a nova dirección a que ten que ter a capacidade de unir vontades. -¿Que retos ten agora o PSOE galego? -Imos entrar na segunda fase da lexislatura e, sen deixar o labor de control ao Goberno, necesitamos unha estratexia que nos visualice como alternativa. Temos que gañar credibilidade ante os electores, porque o Goberno central ten algunhas debilidades na súa percepción pública e temos que esforzarnos en resolvelas. A clave é gañar credibilidade. -¿Ve vostede a Pachi Vázquez nesa estratexia? -Xa tiñamos un deseño, segundo o cal agora comezaba esta fase propositiva para gañar credibilidade e facelo, ademais, reforzando a perspectiva galeguista do partido. Eu só agardo que todo iso non mude.