«O Pelegrín xa non existe»

M. Cheda

GALICIA

Varela elimina a mascota do ano santo, estuda duplicar o prezo dos albergues, di que falar dun «Xacobiño» é unha «falta de respecto» e anuncia cinco novas rutas aéreas

24 oct 2009 . Actualizado a las 12:34 h.

Na mañá en que cumpría medio ano como conselleiro de Cultura, Roberto Varela presentou este martes o Xacobeo 2010 nun ateigado Pazo de Congresos de Santiago. No acto, con todo, houbo ausencias.

-¿Onde meteu ao Pelegrín?

-O Pelegrín xa non existe.

-¿Enterrárono, logo?

-Non. O que intentamos facer con el foi un restyling, porque evidentemente é unha mascota anticuada, moi dos anos oitenta. Quixémola adaptar ao momento actual, pero a familia do deseñador pediu unha cantidade de cartos inaceptable para nós e, tras escoitar a expertos en márketing, decidimos non ter mascota. Cobraban demasiado.

-¿Canto é demasiado?

-Uns 200.000 euros.

-Cuestión de cartos, entón. Ao fío diso, ¿fixo o Xacobeo que quería ou o que puido?

-Unha mestura dos dous. Fago o que me gusta, o que penso que é o mellor dentro das circunstancias, que non son as ideais. O orzamento é limitado, si.

-Opina a oposición que máis ben montou un «Xacobiño».

-Non me gusta nada esa expresión, é unha falta de respecto total. Supoño que o que quere dicir é que non ve programación abondo, pero é a primeira vez na que hai un Xacobeo estruturado, global. Parece que a atención pública só se fixa na música pop, e hai moito máis. Ademais, nunca se fixeran en Galicia cousas como montar o Sónar, un festival da MTV retransmitido para todo o mundo...

-¿E non entende as críticas polo déficit de estrelas do pop?

-Enténdoas, pero non as comparto, entre outras cousas, porque ata agora só dimos un avance da programación e estamos a negociar máis cousas que non podemos adiantar. Non queremos anunciar fume, senón cousas firmadas, ser prudentes.

-Di que restan por saber «sorpresas gordas». ¿Cantas?

-Algunha, pero igual non veñen por ese eido. Dependerá dos patrocinios e no que as empresas queiran investir. En función diso poderemos ir ou non aumentando o cartel pop.

-O Rei xa confirmou que viría. ¿Que hai do Papa?

-A invitación está cursada, pero non temos resposta. Se non pode vir, gardo a ilusión de que o faga no 2011, no oitavo centenario da catedral de Santiago, o cal nos permitiría estruturar unha programación máis alá do Xacobeo, de dous anos. O tema lévao directamente o arcebispo.

-¿E que tal coa Igrexa?

-Moi ben, a verdade. O Xacobeo é un fenómeno cunha compoñente festiva, pero nomeadamente relixioso. Ignorar á Igrexa sería un terrible erro.

-¿É sinxelo non traspasar esa fina liña que separa o Xacobeo do que é o ano santo?

-O Xacobeo é unha celebración do ano santo que vai un pouco máis alá, pero ten que estar cheo de espiritualidade porque a xente que fai o Camiño, a que sofre andando, a que dorme en albergues de tres euros, faino por encontrarse consigo mesma.

-«Albergues de tres euros»... ¿Continuarán cobrando iso?

-Non quero amolar ao peregrino, pero tamén é certo que unha achega extra para manter os albergues non estaría mal. Estou pensando moi seriamente a posibilidade de subir un pouco a taxa por pernoctación.

-¿Ata?

-Ata un máximo de seis euros, co que igualariamos o prezo que cobran outras comunidades.

-No eido turístico, constituíron un comité de captación de rutas aéreas, anunciaron un investimento de 4,5 millóns para o 2010 nas «low cost»... ¿Cando comezarán a verse os froitos?

-Falta bastante pouco. Pedimos ás tres cidades con aeroporto que nos comunicaran que cantidade podían aportar elas á captación, non puxeron nada e, polo tanto, imos proceder a negociar directamente coas compañías. Distribuiremos catro millóns para voos de baixo custe entre as terminais en función de criterios industriais, poboacionais, turísticos e de demanda. E o medio millón restante destinarémolo a Santiago, polo vínculo entre a cidade e o Xacobeo.

-¿Chegarán para traer novas compañías ou só para evitar que fuxan as xa implantadas?

-Para captar novos destinos e tamén para proxectar Galicia neses novos destinos.

-¿E a onde van poder voar os galegos que non poden hoxe?

-A cinco destinos novos: catro en Europa e un en España.

-¿Como cales?

-Estamos a negociar aínda coas compañías, pero poderían ser Bruxelas, Milán, Roma, Ámsterdam, Dusseldorf...

-De transoceánicos, nada...

-Non. Polo de agora, non.