Carlos Varela móstrase disposto a terminar «co núcleo duro» de automobilistas que non respectan as normas. Di que os fiscais pedirán prisión para os reincidentes
07 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A punto de rematar o seu mandato como fiscal superior de Galicia, cargo ao que optará de novo, Carlos Varela (O Carballiño, 1956) fala con paixón do traballo de investigación que lle encargou a Garda Civil de Tráfico para facer unha radiografía dos accidentes nas estradas de Galicia, e que foi presentado hai uns días. «É un documento marco, de referencia, que nunca se fixo deste xeito». Cre que ese traballo ten que ser tido en conta polas autoridades responsables da seguridade viaria, e recorda que será entregado no Parlamento e ao presidente da Xunta, xa que irá incorporado na Memoria da Fiscalía. -O informe da Garda Civil revela unha situación crítica, cuns 2.000 condutores de risco que andan por Galicia. -Un 80% dos condutores son respectuosos coas normas e non cuestionan a seguridade do tráfico. Pero hai un 20% que forman o núcleo duro e que son os que causan os problemas máis graves nas estradas galegas. Acabo de ver como un condutor aparcou o seu coche sobre un paso de peóns diante de moita xente que tivo que cruzar por outro lado. E eu me pregunto entón, ¿que fará cando esté conducindo, se incumpre en algo tan flagrante? -Os datos da investigación son preocupantes. -O alcohol presenta datos demoledores. O informe indica que o 80% das alcoholemias danse entre os 21 e os 60 anos. E que no 68% dos casos detectados en Galicia eran constitutivos de delito pola súa elevada taxa [máis de 0,60 na proba de aire]. Agora sabemos que máis dun terzo dos accidentes graves prodúcense pola influencia de bebidas alcohólicas, e outro terzo por velocidades excesivas. Ese traballo de investigación dos sinistros permítenos facer planificación e prevención. -¿De que xeito se pode facer prevención? -Temos uns recursos escasos que debemos aproveitar eficazmente. Non é o mesmo dicirlles aos axentes da Garda Civil de Tráfico que fagan controis indiscriminados que dicirlles onde están os problemas que teñen que ataxar, de acordo cos datos desta investigación. Esos recursos podémolos concentrar nos casos detectados, e a partir de aí neutralizamos aos condutores imprudentes. -¿Que se pode facer? -Hai que corrixir ao infractor reincidente someténdoo a cursos de reciclaxe para introducirlle a cultura da seguridade viaria. No aspecto penal, os condutores que manifesten unha reiteración nos seus comportamentos imprudentes poden ser sometidos ao que se chama regra de conduta, pola que un xuíz ordena a un reincidente que faga un curso de reeducación viaria. -¿Iso é posible agora? -Está contemplado xa no Código Penal. Un xuíz pode ditar unha regra de conduta consistente en que un condutor sexa obrigado a seguir un curso de reeducación a cambio de non entrar en prisión. Isto pode facerse xa. Os fiscais están sensibilizados, pero o problema é poder plasmalo na realidade, que é o que pasa cos traballos en beneficio da comunidade xa que hai moi poucas prazas en relación coas condenas, que nalgúns casos prescriben ao non poder ser cumpridas en tempo. -Todo ese traballo de investigación non debería quedar en papel mollado. -Unha vez que temos identificado ese núcleo duro non podemos claudicar nin renunciar ata retirar da circulación a eses condutores temerarios. Temos que usar respostas legais e exprimir os mecanismos do Código Penal. E a resposta son as penas de cárcel. Os fiscais pedirán prisión para ese núcleo duro de condutores reincidentes modulando a resposta en función da gravidade de cada caso. -¿Cal sería esa resposta? -Normalmente, na primeira infracción hai un xuízo rápido cunha condena de multa e traballos en beneficio da comunidade. Na segunda xa hai un antecedente e vese que o mecanismo disuasorio non foi suficiente. Dependendo da gravidade pídese a prisión. Se a pena non é superior a dous anos pode suspenderse e aplicarse unha regra de conduta para que faga un curso de reeducación. Se hai unha terceira ou máis reiteración nos delitos e nada da resultado con ese condutor, entón pídese a unha pena de prisión con arreglo á gravidade do feito cometido, e sempre sabendo que é un condutor que reitera o comportamento ilícito e que os mecanismos previos non foron suficientes. -¿É o comiso do vehículo outra alternativa? -A lei só permite o comiso do vehículo nos casos de condución manifestamente temeraria con consciente desprezo pola vida dos demais, como se recolle no artigo 381 do Código Penal. Nese caso o vehículo pode ser considerado un instrumento para cometer o delito. Sería aplicable por exemplo aos chamados condutores suicidas. Pero só neses casos. Agora ben, cabería plantear unha posible modificación do Código Penal ou facer unha interpretación sobre os condutores que con reiteración observan comportamentos temerarios, e aplicar o comiso contemplado de xeito xenérico no artigo 127 do Código Penal. Poderíase interpretar que os vehículos dos que forman o núcleo duro de condutores son instrumentos para cometer delitos e polo tanto poderían ser decomisados. Un xuíz pode facer esa interpretación nunha sentenza, pero outra cousa é que sente xurisprudencia.