O concelleiro pontevedrés asegura que para o nacionalismo «é fundamental recuperar a confianza da sociedade»
14 abr 2009 . Actualizado a las 02:54 h.Non é militante da UPG, pero é o seu candidato á portavocía nacional do BNG. Guillerme Vázquez (Pontevedra, 1952), encabezará a Alternativa pola Unidade na asemblea que celebrará o BNG o 10 de maio. «Eu non son da UPG pero tampouco son doutros -afirma-. A UPG apoia a alternativa, que represento, pero moitísima outra xente que non milita nesa corrente, tamén».
-¿Por que se presenta?
-Porque creo que hai que dar un debate político dentro do BNG para adaptarnos á nova situación política. Non podemos descoñecer que houbo unha saída do Goberno, e menos aínda que tivemos un retroceso dos apoios electorais. Estamos polo tanto diante dunha nova situación política, e creo que o BNG debe adaptarse para afrontala.
-¿Pactará con Carlos Aymerich para evitar a opción de Xosé Manuel Beiras?
-O que necesita o BNG neste momento é un debate de ideas, non de persoas. Eu sigo pensando que todos e todas somos membros do BNG, que hai xente que ten sensibilidades diferentes e que é un bo momento para que dentro do BNG se dea ese debate político, para que a xente discuta sobre política. No que de min dependa, vou facer un esforzo porque o BNG permaneza unido. Eu parto dunha idea: non excluír a ninguén.
-¿É unha asemblea con 2.500 delegados o momento idóneo para falar de política?
-O debate político se está a producir xa neste momento, e de aquí a maio se seguirá producindo. A asemblea será o punto final deste proceso, pero o debate está iniciado.
-¿Que é o que defende vostede para o BNG?
-De entrada, hai que reengrasar a organización para afrontar un contexto de crise económica e un contexto que eu penso que non é moi favorable ao nacionalismo. Para que nos imos enganar, estamos nun momento no que hai unha fortísima presión do españolismo e da dereita. Dentro destes contextos necesitamos unha organización máis viva, máis dinámica e máis plural, con máis contacto entre a dirección e a base. E dende logo temos que abrir o BNG á sociedade. Esa é a segunda tarefa: definir o noso perfil. O BNG se pode dirixir ao conxunto da sociedade, pero dende logo ten que ter claro cal é a súa masa, esa maioría social formada polos asalariados, as pequenas e medianas empresas, os autónomos... Eu creo que debemos estar na punta de lanza de todos os movementos que existan na sociedade e que cuestionen o modelo neoliberal, ou incluso os que cuestionen ese novo integrismo conservador que trata de volver esta sociedade ao século pasado no modo de poderse expresar. Son grandes tarefas, e por iso nós plantexamos que o voceiro nacional e a dirección que saia desta asemblea se dedique a tempo completo a este labor. É fundamental recuperar a confianza da sociedade para poder plantexarnos resultados electorais que non sigan na liña actual de retroceso.
-¿O voceiro nacional ten que ser o candidato á presidencia da Xunta?
-Non. Por respecto á afiliación do BNG, que é a que o ten que decidir. Se estamos plantexando esta asemblea extraordinaria é porque houbo unha dimisión, unha posta de cargos a disposición de toda a dirección do Bloque Nacionalista Galego. Esta asemblea extraordinaria ten que resolver ese vacío de poder. Pero o BNG ten plantexada unha asemblea ordinaria no ano 2010, e se todo vai como ten que ir, no ano 2012 haberá outra. Co cal me parece absolutamente pouco sensato que neste momento o BNG diga quen vai a ser o candidato a presidente da Xunta. Hai tempo máis que suficiente por diante para plantexar ese debate.