«Pídolle valentía ao bipartito, que cumpra o que dixo»

La Voz

GALICIA

24 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Integrante do consello confederal da CIG e militante do Bloque, porén, Xan Carlos Ansia exerce de voceiro «provisional» do novo colectivo cidadán bautizado como Cultura Si, Mausoleo Non.

-¿Como é que decidiron embarcarse na aventura?

-Hai 15 días, un grupo de traballadores da Administración autonómica coincidimos en que xa esgotáramos todas as vías de denuncia sindical e decidimos dar un paso máis: crear unha plataforma aberta, plural e sen carnés contra este absurdo despilfarro de cartos. Non queremos caer na demagoxia, pero é a realidade: no Gaiás estanse a enterrar moitos millóns.

-¿E que medidas están dispostos a tomar para acadar os seus obxectivos?

-Intentaremos recabar os apoios suficientes para ser tidos en consideración, recoller firmas, obter adhesións por Internet e incluso facer manifestacións, calquera cauce válido e legal.

-¿Non é un paradoxo que militantes do BNG coma vostede censuren a unha conselleira nacionalista?

-Na plataforma somos minoría. Ademais, non por militar no Bloque deixamos de ser libres. Criticamos aos nosos e a calquera. Eu votei un cambio de Goberno nas eleccións e agora vexo continuísmo. Pídolle coherencia ao bipartito, que cumpra o que dicía cando era oposición e no Parlamento denunciaba que a Cidade da Cultura non serviría para nada. Pídolle a valentía suficiente para que as cousas cambien de verdade, a valentía que hoxe non ten.

-¿Por que esta plataforma agora e non antes?

-Temos toda a autoridade moral do mundo para constituíla agora porque levamos anos advertindo deste despilfarro, mesmo dende o ano 1999.

-Sinceramente, ¿que visos de prosperar ten isto?

-Moitos, son optimista, porque vexo un cambio na cidadanía, mesmo en certos parlamentarios. É un trámite sinxelo: basta unha decisión do Consello da Xunta e o proxecto desaparece. E agora estamos no momento oportuno, porque aínda non se aprobaron os Orzamentos para o 2008. Algún compañeiro na plataforma, porén, é algo máis escéptico ca min.