O home que vivía de prestado

GALICIA

10 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Non podía ser nada bo. O pasado día 4, ao pasar por Bande camiño do Xurés, mirei para o piso que está por riba de Caixanova, o primeiro andar do chafrán fronte ao concello de Bande, e as persianas estaban baixadas. Iso era mal sinal, mala cousa. Dende finais da primavera e ata ben entrado outubro, naquela casa moraba cada ano un home que disfrutaba da vida coma ninguén: Elixio Rodríguez Domínguez (Grou-Lobios, 1910-México, D.?F., 9 de xullo do 2007). Condenado dúas veces a morte, salvou a vida grazas aos amigos que lle tiñan lei. Cando saíu do mosteiro de Celanova, convertido en cárcere polos falanxistas, cara ao alto do Furriolo, un carabineiro avisou ao tenente Pousa, que puxo o capote por riba do pixama e partiu á fochanca maldita onde tantas mortes inxustas se produciron. Cando catro dos cinco que saíran ás claudias xa foran asasinados, chega Pousa, bótase do coche e dille ao pelotón: «A este matarédelo mañá» -frase que titulou as súas memorias (Xerais, 1994)-. E Elixio Rodríguez tivo que alistarse na Lexión para salvar a vida. Cando fuxe cara ao bando republicano é condenado a morte por falanxista, e daquela comparece Castelao e manda un informe á Pasionaria avalando a súa lealdade. Libre de novo, pasa a Francia e logo a México, onde participou en Vieiros e colaborou cos exiliados e galeguistas. Gozaba da vida cunha máxima: «Rapaz, cada día que pasa dende que saín cara ao Furriolo é un regalo». O luns morreu en México e os concellos de Bande e Lobios, a Consellería de Cultura e o BNG lembraban o exemplo e compromiso dun galeguista que volvía cada verán a Bande para percorrer Galicia e estar na Quintana o 25 de xullo.