«Existe un risco claro de caer no monolingüismo»

La Voz D. S. | SANTIAGO

GALICIA

SECRETARIO XERAL DO PP DE GALICIA O dirixente popular subliña que o Consello Consultivo di que o decreto vulnera a legalidade

07 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

O responsable do aparato do PPdeG sostén que as claves da ruptura do consenso sobre o galego hai que atopalas no ditame emitido polo Consello Consultivo. -¿De que modificacións fala? -Trátase de cuestións fundamentais, que falan dos dereitos dos pais, dos dereitos dos alumnos e de evitar calquera perigo de inmersión lingüística, e na lingua que sexa. -¿Non lle parece un pouco esaxerado falar de inmersión en galego cando o é o castelán o que domina claramente no ensino? -En absoluto, así o di o propio Consello Consultivo, que existe o risco de inmersión porque non quedan claros os procedementos nin a intervención dos pais, e que todo queda en mans do proxecto lingüístico sen evitar o risco claro de caer no monolingüismo. -O Goberno di que, en sustancia, é o mesmo texto pactado en febreiro. -Non é o mesmo, porque para iso tíñase que garantir o bilingüismo harmónico do que falamos sempre, que significa poñer as dúas linguas en pé de igualdade para que cada quen elixa para os seus fillos a que crea conveniente. Cambiáronse artigos e expresións que teñen moita transcendencia porque cuestionan os dereitos dos pais e dos alumnos. -¿É posible recuperar o clima de diálogo de hai uns meses? -Se se fan as rectificacións que di o ditame, por suposto que si. -E se non, ¿que fará o PP, acudirá ao Constitucional? -Ao mellor é un pouco precipitado decidir agora. O que si hai que facer é apelar ao consenso, volver a sentarse, analizar onde están as cousas que se deben corrixir. Nós agardamos que o Goberno galego entre en razón e ademais que o faga axiña porque este é un asunto fundamental de consenso. -O PP promoveu en Baleares una normativa moi similar á galega. ¿Por que alí si e aquí non? -Aquí hai que falar do que está a pasar en Galicia, pero en calquera caso hai similitudes co decreto de Baleares, é certo, pero tamén hai moitas diferenzas, porque na normativa de Baleares os pais si que teñen moito máis que dicir que no proxecto galego, e iso é unha clave fundamental.