A Mesa afirma que o decreto do galego é acorde a sentenzas do Constitucional

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

GALICIA

O decreto de promoción do idioma galego no sistema educativo tal como foi publicado no Diario Oficial de Galicia é acorde a diferentes sentenzas do Tribunal Constitucional, segundo valora Alba Nogueira, profesora da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago e representante do Observatorio de Dereitos Lingüísticos da Mesa pola Normalización Lingüística. Citou sobre todo unha de 1994 que apoia a utilización do galego como lingua vehicular en diferentes materias. Alba Nogueira precisou que esta nova norma autonómica é parecida á aprobada no ano 1997 polo Goberno de Baleares que presidía Jaume Matas, do PP; e supón unha translación do Plan de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade no Parlamento galego a proposta do PP, polo que pediu que os actuais representantes deste partido no país «deixen de facer equilibrismo». O Observatorio de Dereitos Lingüísticos está integrado por membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüistas, docentes universitarios e profesionais do ámbito do dereito, e estudou onte este asunto. A coordinadora do Observatorio, Elsa Quintas, salientou que o sistema educativo é un axente principal de normalización lingüística e debe garantir que o alumnado dé mostras de destrezas tanto oral como escrita da lingua. Esta entidade lembra que numerosos escolares entran na escola falando galego e saen falando castelán, e entende que o obxectivo último do decreto é conseguir que sexan competentes nas dúas linguas oficiais, unha aspiración que «apoia a maioría da comunidade».