SON desa clase de tipos que nunca pronunciará a palabra grazas e comprométome, tamén, a non pronunciar a palabra nazón . Ignoro se somos nazón ou nación, Galiza ou Galicia, pero todo isto xa resulta extravagante e cómico. Proclamo que a intelixencia que presumimos nos que nos gobernan, e nos opositores, debe dedicarse a outros mesteres. O problema deste país non é a propia definición, senón o sentimento de país. O sentimento da terra non reside na súa nomenclatura nin, moito menos, no grao de aproximación veraz a un concepto. O debate en torno á identidade paréceme baladí: porque penso que á cidadanía non lle importa quen somos. Nin sequera o individuo realiza tales preguntas cando se autocuestiona. Alonso Quijano dicía «soy quien soy». Tal indefinición (tan definida) pode aplicarse a este país. Somos o que somos. Nación, vale. Nacionalidade histórica, vale. Nazón, con perdón, tamén. E, se alguén se empeña, somos tamén territorio de gaita, lacón, chuvia, Rosalía e demais tópicos. Somos, punto. Convén que os políticos non perdan o norte e estean, nesta cuestión como noutras, a carón da cidadanía. Á cidadanía impórtalle ben pouco como a definan. O que lle importa é que resolvan os problemas do paro, pensións, sanidade, infraestruturas, Gaiás... Sei que esta columna pode resultar demagóxica; pero non menos demagóxico é o debate do noso Estatuto. Demagóxicas son as posturas: máis partidistas que partidarias do consenso. Non sei por qué teño a sensación de que este país, no debate político, non acaba de arrancar. Estamos en pausa . A dialéctica non impulsa o progreso, como nos aprenderon dende Heráclito a Nietzsche. E así estamos. En medio de mil sintagmas sempre insuficientes. Galicia, Galiza, nación, nazón. Palabras, palabras, palabras (Shakespeare).