A Eurocámara debate un informe que esixe máis apoio ás linguas cooficiais

La Voz J. O. | CORRESP. / BRUXELAS

GALICIA

A moción pide ás institucións da UE que as usen nas súas comunicacións cos cidadáns O PSOE e os nacionalistas votarán a favor dunha iniciativa que divide ao PP europeo

14 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O pleno do Parlamento Europeo debatía ao peche desta edición un informe sobre multilingüismo que esixe ás institucións europeas «que progresen na comunicación cos cidadáns na súa propia lingua nacional, con independencia de que esa lingua teña estatus oficial» no ámbito do seu Estado. O informe, elaborado polo deputado Bernat Joan i Marí, dos Verdes-Alianza Libre Europea, defende a necesidade de crear a figura do Defensor das Linguas da UE, e de elaborar un plan lingüístico comunitario «claro e coherente», que confira «un fundamento legal aos dereitos lingüísticos tanto colectivos como individuais». O texto obtivo unha abrumadora maioría de votos afirmativos na Comisión de Cultura da Eurocámara -26 a favor e só tres en contra-, e mereceu os parabéns de varias formacións. «É un informe moi positivo», destacou a voceira do BNG ante o Parlamento Europeo, Ana Miranda, quen felicitou a Joan i Mari e defendeu o recoñecemento do polilingüismo da Unión Europea. A votación no pleno, hoxe ao mediodía, será moito máis axustada que na Comisión de Cultura. Os socialistas anunciaron o seu apoio a través dun comunicado da eurodeputada María Badía, pero os populares mantíñanse máis divididos, a pesar de que a postura en contra do informe será defendida por Alejo Vidal Quadras, vicepresidente da Cámara.