Todas as persoas, negras ou brancas, levan o ritmo no corpo; outra cousa é que un saiba sacalo para fóra. E ela sabe
16 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A música mesmo pode estar no peito, que no fluxo do sangue, que nos latidos do corazón, que nunha pedra mazando nun sacho. Mercedes Peón Mosteiro (A Coruña, 1967) está feita nun 95% de música e, no resto, doutra cousa. -¿Entre a cidade e o campo? -Aínda que nacín na Coruña e vivín na Coruña, levo viaxando desde os catorce anos, encántanme as urbes, encántame A Coruña, Múnic, encántanme Berlín, Madrid, Barcelona ou Bilbao... Eu era urbanita, aínda que o meu discurso persoal e o meu imaxinario era como de aldeá, por iso digo que son unha aldeá frustrada. E agora vivo en Oza dos Ríos, que é onde naceron os meus avós. -Lin que o señor Peón, o seu pai, canta que dá gusto ¿Viralle de aí a vea? -Meu pai era da familia Peón, os que tiñan os Transportes Galicia, dos primeiros transportes que houbo en Galicia. O meu avó foi un dos primeiros da Coruña en levar un camión e en ter coche. E meu pai é un cantador tremendo. Comezou a ir co meu avó no camión moi novo porque non quería estudar, morreulle a nai da miña idade. Entón, chegaban aos sitios e dicíanlle: «¡Veña, Enrique, canta!». -E Enrique cantaba... -El cantaba e entón o convidaban ao xantar; aínda que non era profesional, tiroulle proveito. -¿E a súa nai? -A miña nai ten unha orella horrible, pero é bailadora. -¿En que anda metida agora? -Ando de xira, estiven en Córsega e gravei o mar de Córsega, estou a facer un tema onde coloco os sons do mar cunha especie de gravadora que teño. E estou a compoñer na casa. Este mes de abril quédame bastante tranquilo. -Despois de facer música cun sacho e unha pedra ou de gravar o mar ¿quédalle algo co que facer música? -Pois mira, agora estou facendo un tema gravado en setenta pistas con setenta sons distintos e, por exemplo, metín unha darbuka tocada ao revés... -¿E a lata do aceite? -¡Para min non é raro! A min sorprendeume hai anos escoitar ás señoras que tocaban o sacho cunha pedra [canta algo que sona como unha xota dende o fondo do peito] ¡Iso soábame súper étnico, parece que estás en Alxeria ou en calquera país cunha pegada tradicional asombrosa! E eu, como compositora, pinto os cadros coas cores que me gustan, e esas cores sorpréndenme moito. -¿E o do sacho sorprende en Francia? -Sorprende en todos os lados, é brutal, é un son que está por riba dunha batería ou dun baixo eléctrico. -¿E hai sachos en distintas tonalidades? -Nas feiras xa me coñecen, porque ando cunha pedra probando, plin, plin, plin... Todo está afinado, cada cousa ten a súa nota. -Os latidos do corazón... -¡Ou o fluxo sanguíneo! Por certo, os latidos están gravados neste último disco meu, pero non os puxen. -¿E como fixo para gravar o ruído do seu sangue? -Como son de Adeslas, fun a un cirurxián vascular e díxenlle: «Mire, non me pasa nada, estou estupenda, pero quero gravar o meu fluxo sanguíneo». Eles teñen unha especie de sónar... -E o médico pensou: ¡Esta muller está tola! -¡O tipo estaba encantado! Está gravado no disco Ajrú, no tema Ese es ti. Fai como ¡fshhh, fshhh! E ademais dunha afinación, ten un ritmo, o ritmo que ten o fluxo sanguíneo é un ternario. ¿Sabías que cando estabas no útero o teu fluxo sanguíneo ía a ritmo de muiñeira? -Pois non sabía, non, pero agora podo entender moitas cousas... Tácata-tácata-tácata... -E logo, cando xa es grandiño, o fluxo vai a ritmo de valse, ou de xota ou maneo: tac-tacataca-tac-tacataca-tac... Ese é o tipo de globalización que me encanta, a outra rexéitoa. Eu teño o mesmo ritmo no fluxo sanguíneo que un negro africano. -¿Por que decidiu rapar aquela melena longa que lle chegaba á cintura? -Eu sempre quixen afeitar a cabeza, sempre fun bastante contestataria. Fíxeno cando deixei a televisión, por mudar de imaxe para min, non para o resto. E porque sempre quixen ter a sensación de tirarme na auga e non ter un lastre. Eu son da túa época e nunca entendín por que tiña que ser como un cadro andante, non quixen ser unha icona de beleza co cabelo. As mulleres aínda cargamos hoxe en día coa ética e coa estética da sociedade.