A DEBATE| A Cidade da Cultura, unha iniciativa por definir A conselleira asegura que o proxecto terá que converterse nun «referente» e que nesa transformación terán que participar «os sectores máis dinámicos do mundo cultural galego»
05 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.ÁNXELA BUGALLO Ánxela Bugallo entende que a Cidade da Cultura ten solución e que o ideal é convertela nun referente nacional e internacional da cultura do país. -Creo que ten solución na medida en que confío moito en poder levar adiante un proxecto cultural que realmente sirva para converter ese espazo no que ten que ser: un referente. Confío en poder facelo e sei que ten que ser algo novidoso. -¿Quere dicir un referente nacional e internacional? -Claro. Ten que servir para que o visite a nosa xente, para que se vexa o que somos culturalmente e tamén ten que valer para quen veña de fóra a coñecernos. -Pero é case a mesma explicación que utilizaba o Goberno anterior. -É que este é un proxecto político anterior. Isto é clarísimo. A situación agora é que temos un investimento moi elevado xa realizado, dous edificios con prazo de remate moi cercano. O valor de todo iso agora mesmo é o proxecto arquitectónico. Hai que ser responsables e tomalo como está. -¿En canto hipoteca este proxecto ao seu departamento? -A hipoteca non é so para a Consellería de Cultura, afecta a todo o Goberno. Tentamos que na consellería teña o menor impacto posible, pero está feito, asinado, comprometido e con prazos. -¿A Cidade da Cultura é o «marrón» no seu departamento? -É un proxecto demasiado grande e que eu nunca iniciaría. Non diría que é un «marrón» porque hai que ser serios: é unha situación herdada e temos que manobrar con intelixencia. -Sobre a Cidade da Cultura houbo moitos silencios e agora hai unha tormenta de ideas. ¿Parécenlle proveitosas as propostas? -Sen dúbida é positiva como síntoma porque significa que hai liberdade e que a xente quere participar. Pero, sinceramente, a tormenta de ideas tería estado moi ben hai catro anos. Agora hai que adaptarse e lograr unha funcionalidade que lle dea sentido. Non tanto unha tormenta como que os sectores máis dinámicos do mundo cultural participen nesa redefinición e na animación do espazo.