Alumno do mellor areísta do mundo, o artista porriñés participa aos 29 anos no circuíto internacional desta arte efémera e pendente de recoñecemento. Óscar Rodríguez Vila axeonllouse diante dun morea de area preparado polo mestre Etual Ojeda, o areísta máis prestixioso do mundo, e alí quedou da mañá á noite nunha praia de Las Palmas, deshidratado, sen xantar, ausente do mundo e ensimesmado naquela construcción milagrosa tan distinta da que levou ás Canarias a miles de galegos coma el.
08 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.El, que antes de artista fora electricista e deseñador de bebedeiros para pitos, mobles e todo o que se lle puxera por diante. -Fun a Canarias un verán a buscar cartos na hostelería para voltar a Galicia e seguir estudando, pero decidín matricularme e alí quedei. Sei que son un galego atípico. Asociamos Canarias á trivialidade do turismo en masa, o traballo duro e unha paisaxe seca que ningúen entende ou a ninguén lle gosta. Pero a mín encántame, moito máis ca o verde: Lanzarote, que ten esa carga tremenda, esas montañas de cinza volcánica que cambian de cor, segundo o sol, a hora da tarde, agora un ocre máis subido, agora máis baixo, agora laranxa, vermello, negro... é moi feminina, unha illa moi sensual. A pouco sensible que sexas percíbelo ben, pero cando tes que traballar como a maioría dos galegos alí, non hai tempo para iso. -Vostede é do Porriño. -Si, nacín enriba do granito, en Budiño, e vai e dame por facer escultura en area. É paradoxal. Penseino algunha vez, pero non sei que lectura darlle. Traballo con bronce, barro, ferro, aluminio, aceiro, madeira... pero a pedra non me chama nada. -¿Que ten a area? -O efémero: está no chan, levántala, toma unha forma e cando te vas sabes que vai quedar como estaba antes. E logo está a propia textura, que pode ser algo e pode ser nada, dependendo da interacción coa auga. A area seca non é nada, escorrégaseche entre os dedos, a area mollada si é algo. É un contacto que ningún outro material che permite, podes revolverte nela, enterrarte; é peculiar, eu sempre a levo enriba, aparece en calquera sitio, na carteira, no DNI ou na fundiña da tarxeta de crédito. -E logo o lambido do mar. -Non, cando traballamos na praia facémolo lonxe da beira. No norte de Europa facíamolas na praia, pero viñan as borrascas, os ventos, e caían. Agora en Dinamarca montaron un espacio no medio do bosque. -¿Non destrúen a obra? -Na maioría dos eventos as pezas quedan de exhibición ata dous ou tres meses, pero ás veces se o facemos, é de xeitos distintos. A patadas ou a apertas. Lembro unha escultura que fixen dunha nai cun neno no colo. Apeteceume rompela así, deilles aos dous unha aperta enorme, tremenda, e alí caémos os tres, eles todos desfigurados. -¿Quedaron restos? -Non, non! Entón xa non pode quedar máis ca un gran, máis un gran, máis un gran... -¿Soña co deserto? -Deserto con auga, porque sen ela non somos nada. Óscar Rodríguez ten querencia polo xigantismo, polas mulleres de peitos de dous metros que tanto atraen, máis expresionistas ca figurativas; defende a necesidade de ter unha perfecta educación postural e pleno dominio das proporcións clásicas e, xa metido no circuito internacional do areísmo, case á altura do gran xefe Etual, dí que «a escultura de area non podo ser considerada un xogo de nenos». En todo caso, él segue. Agora, cos outros efémeros, os falleiros de Valencia.