«Eu son un autor de cómic particularmente feminino»

La Voz

GALICIA

XURXO LOBATO

O ilustrador galego de máis sona internacional ensina a ver unha viñeta e rexeita que a historieta gráfica sexa algo masculino

21 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Do Mortadelo e o TBO aos superheroes americanos e o manga xaponés. O cómic en Galicia móvese por aí. Unha ollada «superficial» a dos lectores que deriva, segundo Miguelanxo Prado, do «noso abecedario visual», dito doutra maneira, da peor herdanza da televisión: un xeito trepidante e irreflexivo de dixerir as imaxes. «É difícil convencer a esta xente de que non abondan dous segundos para mirar unha viñeta». -O cómic é un mundo de nenos e homes, nunca de nenas ou mulleres. -En España segue sendo así pola tradición cultural e a relación co mundo da imaxe. -¿É outro xeito de mirar? -Si, pero tamén falamos de medios cunha compoñente industrial importante, e na busca do beneficio, o axioma o mellor é inimigo do bo é clarísimo. Se un editor vende 300.000 exemplares publicando determinada liña non vai cambiar a outra que só da para 50.000. Por iso é masculino. -¿Como? -Nos 80, cando se abriu o mundo do cómic en España, os editores compraban moi barata a producción americana porque alí xa amortizaran todo e podían ofrecelo a prezos moi baixos, e o americano si que é un cómic clarisimamente masculino, pura testosterona. Iso foi o que se vendeu en España. En Francia non, o Tintín era lido por rapaces e rapazas. Cando vou firmar libros a Francia ou Bélxica vexo na cola a moitas mulleres de trinta e moitos, corenta anos. Eu son un autor particularmente feminino. -Xa, non é Manara, ¿pero cal é a súa seña? -Contar historias. Din que ata sigo sendo narrador na pintura ou nas ilustracións, nunha única viñeta. -¿Historias ou estados de ánimo? -Aí pode estar a conexión co feminino. Fixen un libro, Tanxencias, sobre as relacións amorosas que rematan. Non quería falar do amor en xeral, senón dun determinado sector social, no que nos movemos moitos, profesionais liberais, autores... -A élite cultural... -Si, eu vía unha banalización da relación amorosa, pero tamén que un amigo, catedrático de universidade, e por moi finisecular que fora a súa relación, sufría como o que máis se o deixaba a moza. Había unha contradicción, a dor era igual pero as parellas poñían por riba a ambición persoal e a autorrealización. Iso levoume á conclusión, se cadra pouco profunda, de que un pode chegar aos 60 anos sendo un arquitecto recoñecido pero sen coñecer realmente unha relación profunda con outra persoa, e é terrible que o noso paso por este mundo quede limitado á realización profesional. Ben, pois saquei o libro, e os meus amigos dicíanme: «Home, está ben, pero é tan tristón, é unha forma de ver o sexo tan feminina...». -¿Debuxar é unha maneira de pensar? -Pode ser froito da ximnasia, da perseverancia na técnica. A historia da arte está chea de casos así. Pero hai outra concepción máis psicolóxica, e a única que permite a maxia, algo involuntario, trazar unha liña e que nese instante o cerebro mande facer unha curva que fai que esa figura espida sexa especial. Iso. O fotógrafo pídelle unha dedicatoria. Prado colle o rotulador e traza liñas como incoherentes. É aquela man do Barrio Sésamo. Todos mudos diante do descobremento que vai chegar, e chega. Por arte de maxia. De súpeto, un vello canso con boina aparece sobre o papel inmaculado.