«Vin a morte, nunca pasara tanto medo»

La Voz

GALICIA

Ás seis da tarde de onte, o autobús que recolleu ós pasaxeiros en Guipúzcoa chegaba a Xenebra. Mercedes Pérez e as súas fillas quedaban ata Berna. Yolanda, a maior, atende o teléfono móvil, que, coma o da casa de súa avoa, non deixa de soar. -¿Como estades? -Ben, pero cansadas. -¿Como foi o accidente? -Saímos de cear sobre as dez da noite. Andivemos uns quilómetros e ó saír dun túnel fómonos contra o camión. Atendéronos moi rápido e despois leváronos noutro autobús a un hotel. Alí esperamos ata as catro e media da mañá polos pasaxeiros que estaban no hospital. -¿Ningunha de vós resultou ferida? -Miña nai e miña irmá non levaron nada. Eu tiven un corte na cabeza e unhas rascadas na man. -¿Sabes que un dos pasaxeiros faleceu? -Si. Nós iamos pola metade do autobús e el ía case ó final. Era un señor de Ourense. El e máis outro rapaz saíron despedidos pola ventanilla. -¿Pásase moito medo? -Vin a morte. Nunca pasara tanto medo. A verdade é que foi un impacto bastante grande.